O podcast en galego sobre María Casares, preseleccionado para os premios iVoox

'Eu son do océano' divulga a vida da actriz, que triunfou no seu exilio en Francia, onde residía tras o golpe militar de 1936.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 05/10/2022 | Actualizada ás 14:59

Comparte esta noticia

O podcast en galego sobre María Casares vén de ser preseleccionado para os premios iVoox. A audiencia poderá votar ata o 24 de outubro por este programa, producido por Son Radiofusión e dirixido por Eugenia Sanmartín, neste enlace á web, no que só se admite un voto por cada persoa usuaria. En novembro daranse a coñecer os proxectos gañadores. 

Actores e actrices do podcast, Eugenia Sanmartín, Cristina Moreira, Helga Méndez e Rogelio Arias
Actores e actrices do podcast, Eugenia Sanmartín, Cristina Moreira, Helga Méndez e Rogelio Arias | Fonte: Xan Xe

Os premios iVoox naceron no ano 2018 para dar visibilidade e recoñecemento aos podcasts favoritos da audiencia. Neles hai 14 categorías, e en concreto o podcast 'María Casares. Eu son do océano' entra na categoría de 'Historia y creencias'. De gañar, as persoas creadoras reciben un trofeo de recoñecemento por parte da audiencia de iVoox e terán un ano de visibilidade por parte da plataforma. 

'Eu son do océano' divulga a vida da actriz galega María Casares (A Coruña, 1922), que triunfou no seu exilio en Francia, onde residía tras o golpe militar de 1936. O podcast contou con guión de Puri Seixido, dirección de Eugenia Sanmartín e música orixinal da compositora Sofia Oriana Infante. Encargáronse da interpretación Vicky Sas, Helga Méndez, Cristina Mariño, Rogelio Arias e Cristina Moreira; e Xabier Fernández ocupouse do son.

Producido por Son Radiofusión, o proxecto contou coa colaboración da Deputación da Coruña. Pódense escoitar na web www.radiofusion.gal divididos en seis capítulos de 40 minutos de duración cada ún. Coincidindo co centenario do nacemento de María Casares, Radiofusión tamén editou unha novela gráfica de Pitusa Arias e Carlos Sardiña sobre a actriz. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta