O Supremo inadmite o recurso pola baixada do prezo de bus na Coruña

A Marea Atlántica, durante cuxo mandato se adoptou a medida, insta o goberno local a buscar outras vías.

Por Europa Press / Redacción | A Coruña | 14/10/2022 | Actualizada ás 11:43

Comparte esta noticia

O Tribunal Supremo inadmitiu a trámite o recurso de casación pola baixada do prezo do bus no consistorio coruñés, tras un fallo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), agora firme, que cuestionaba o método seguido para levar a cabo esta medida.

Así o informa a Marea Atlántica, durante cuxo mandato se procedeu a unha rebaixa do prezo. Nun comunicado, lamenta a decisión do Tribunal Supremo e insta agora o goberno local a buscar outras vías para "manter as tarifas e remunicipalizar o servizo en 2024".

Sobre o fallo ditado no seu día polo TSXG, tras un recurso da Compañía de Tranvías por outro anterior que deu a razón ao consistorio, esta formación sostén que "non avala o beneficio excesivo e contrario ás normas da UE que recibe a Compañía de Tranvías".

"A sentenza tampouco lle recoñece á empresa o dereito a recibir indemnización", insiste no seu comunicado no que avanza que pedirá ao goberno local "que calquera pago á concesionaria sexa previamente autorizado pola Comisión Europea".

Por outra banda, lamenta que que o Tribunal Supremo "inadmita, sen entrar no fondo do asunto, o recurso de casación presentado polo Concello da Coruña" tras a sentenza do TSXG, que anulou o ano pasado o abaratamento das tarifas do bus urbano da Coruña en 2019.

"Acatamos a decisión, pero non podemos estar de acordo con ela, pois supón inhibirse á hora de defender o interese público fronte ao beneficio industrial excesivo da empresa concesionaria dun servizo público esencial como é o transporte público", incide.

Autobús urbano en Santiago durante o estado de alarma
Autobús urbano en Santiago durante o estado de alarma | Fonte: Arquivo - Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta