Temas: HISTORIA RAG

A historiadora Ana Romero Masiá, nova académica correspondente da Real Academia Galega

A RAG destaca o seu "compromiso coa lingua e a cultura galegas e coa súa promoción".

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 15/10/2022 | Actualizada ás 13:56

Comparte esta noticia

A historiadora Ana Romero Masiá foi nomeada membro correspondente da Real Academia Galega, no pleno ordinario da institución celebrado este venres. A nova académica, sinala a RAG, é un referente no estudo da historia da cidade da Coruña e dos seus movementos liberais e republicanos, e conta tamén con destacados traballos sobre os castros e a cultura castrexa e sobre educadoras como María Barbeito e Mercedes Tella.

A nova catedrática correspondente da RAG, Ana Romeu Masiá
A nova catedrática correspondente da RAG, Ana Romeu Masiá | Fonte: REAL ACADEMIA GALEGA.

A proposta sometida a votación destaca de Romero Masiá que é "exemplo, en toda a súa actividade, de compromiso coa lingua e a cultura galegas e coa súa promoción", en particular no referente á historia de Galicia.

Licenciada en Filosofía e Letras, Sección de Historia, pola Universidade de Santiago de Compostela, é autora de máis de corenta publicacións individuais e máis de sesenta en coautoría que achegan novos datos á historia de Galicia en distintos momentos.

Foi directora das escavacións arqueolóxicas do castro de Borneiro entre 1980 e 1989, é directora de publicacións e membro numeraria do Instituto José Cornide de Estudos Coruñeses, secretaria da sección de Prehistoria e Arqueoloxía do Instituto de Estudos Galegos Pai Sarmiento do Consello Superior de Investigacións Científicas e colaborou coa Real Academia Galega en numerosas ocasións.

A súa tese doutoral, dedicada á figura do líder sindical do tabaco Severino Chacón, foi dirixida por Xosé Ramón Barreiro Fernández (1936-2021), presidente da Academia e catedrático de Historia Contemporánea de Galicia, e mereceu o I Premio de Investigación da Fundación Luís Tilve. No ano 2011 volveu ser distinguida pola mesma entidade, xunto a Carlos Pereira, co Premio de Investigación e Divulgación Histórica pola obra 'Xaime Quintanilla Martínez. Vida e obra dun socialista e galeguista ao servizo da República'.

Temas: HISTORIA RAG
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta