Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 17/10/2022 | Actualizada ás 13:14
O conselleiro de Sanidade, Xulio García Comesaña, confirmou que este martes día 18, "tal e como estaba prometido e comprometido", comeza a vacinación da cuarta dose contra a covid-19 nos centros de referencia a aquelas persoas que "non puideron ou non quixeron" acudir aos "vacunódromos".
Comesaña informou de que foron vacinadas en Galicia coa cuarta dose contra a covid un total de 173.000 persoas maiores de 60 anos, das que 151.000 pasaron polos vacunódromos. No seu domicilio, recibiron a dose 2.400 individuos.
Segundo a planificación elaborada polo departamento da Consellería de Sanidade, este luns termina a vacinación do grupo etario de entre 80 e 84 anos e, este martes, comezarase a citar nos centros de atención primaria a todas aquelas persoas maiores de 85 anos que non recibisen a dose de reforzo da covid-19. O pasado venres comezou tamén a vacinación á poboación de entre 70 e 79 anos nos puntos masivos, segundo lembrou o titular de Sanidade.
GRIPE
No relativo á vacinación da gripe en persoas maiores de 60 anos, o conselleiro destacou que o 94,6% dos usuarios aceptou a administración conxunta da vacina da gripe e da covid-19. "Dato moi significativo e importante", puntualizou. Comesaña fixo estas declaracións na rolda de prensa de presentación do proxecto da Torre Polivalente do novo complexo hospitalario da Coruña (Chuac).
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.