Profesionalización e innovación: os retos da castaña como motor económico e do rural galego

A campaña de recollida deste froito está nos seus inicios pero o sector augura unha nova merma da produción, próxima ao 50%, pola seca vivida este ano. "Agora, que nos atopamos nunha época baixa, temos que potenciar o sector para que siga sendo dinamizador", apelan.

Por Uxía Iglesias | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 23/10/2022 | Actualizada ás 15:02

Comparte esta noticia

Os soutos galegos non pasan polo seu mellor momento. A produción leva anos descendendo exponencialmente e a intensa seca vivida este ano xa deixa sentir os seus efectos sobre o sector da castaña, que se atopa no inicio da campaña de recollida. "Era esperado, pero agora estámolo confirmando: as altas temperaturas resentiron a produción. Vemos moito ourizo baleiro porque a árbore sufriu bastante", explica Jesús Quintá, presidente da Indicación Xeográfica Protexida Castaña de Galicia e xerente de Alibós, en Monterroso, líder europeo na transformación deste froito.

Cesta de castañas. Foto: Marga Méndez
Cesta de castañas. Foto: Marga Méndez

"MERMA IMPORTANTE" DA PRODUCIÓN

As perspectivas para o que resta de campaña, di, pasan por unha "merma importante" da produción próxima ao 50%. "A xente está preocupada, unha boa campaña supón ao redor de 20 millóns de quilos. Se este ano chegamos aos 10 xa sería abondo", explica. Á seca prolongada súmanse outras ameazas que este froito, un dos representativos e aproveitables de Galicia, leva tempo enfrontando: a avespiña asiática, que procura controlarse cun tratamento biolóxico; e o fungo Gnomoniopsis smithogilvyi, un agresivo axente que aproveitou este momento de debilidade dos castiñeiros para actuar, xa non só nas ramas, senón tamén nos propios froitos. 

Todo isto provoca que a calidade do produto "non sexa a óptima", indica Quintá, cuxa empresa ten ao seu cargo unhas 200 hectáreas de soutos. Con todo, a "práctica totalidade" da castaña que procesan cómprana en almacéns de toda Galicia e en España e Portugal. A compañía trata cada ano entre 7.000 e 8.000 tolenadas de froito, e os cultivos no país son "claramente insuficientes" para a súa gran demanda, sobre todo no estranxeiro. En Alibós exportan o 90% da súa produción cara a países como Francia, Suíza, Estados Unidos, Xapón, Inglaterra... onde, di Quintá, "se consome moita máis castaña ca en Galicia", produtora líder no Estado.

Na Cooperativa Amarelante, que naceu en Manzaneda no ano 2013 co obxectivo de recuperar soutos abandonados da veciñanza e reactivar a produción de castañas e de produtos derivados, confían en que estas recentes choivas enriquezan a campaña de recollida do froito nas súas oito hectáreas de castiñeiros, máis tardíos pola maior altitude da zona. "Non é difícil que mellore un pouco a situación porque levamos anos moi malos, cun descenso importante da produción", explica unha das súas socias, Sonia Couso.

Isto tamén o notan en Delicias do Souto, outra empresa do Courel impulsada no 2006 que comercializa a primeira torta de castañas de Galicia, ademais de bolachas e bicas, uns produtos que xa se converteron nos máis representativos da zona para a veciñanza e visitantes. "Eu fixen unha plantación hai oito anos, pero morréronnos moitos, non van bos tempos para os castiñeiros", explica Concepción Arza, coñecida como 'Chiña', que viu tamén como parte dos soutos dos que se fornecía foron arrasados pola vaga de incendios deste verán. "Hai cinco anos a xente podía mercar un montón de quilos de castañas aquí, pero agora xa nada. A orografía é complicada e os soutos están moi abandonados", sinala. 

OS RETOS DO SECTOR: PROFESIONALIZAR E INNOVAR

O sector da castaña en Galicia ten calidade, variedade e reputación, tanto no Estado coma fóra del, pero as persoas contactadas para esta reportaxe coinciden en que non se están a aproveitar todas as súas potencialidades. Por unha banda, Quintás demanda maiores axudas para activar novas plantacións e para impulsar a rega, "fundamental neste contexto de cambio climático" e que permitiría "incrementar a seguridade, aumentar a produción en máis dun 30% e adiantar a chegada do froito uns catro anos dende que se planta a árbore". 

Para Quintás, o futuro do sector pasa por estimular novos proxectos e renovar os soutos que xa están esgotados. "A demanda é alta e cada vez dependemos máis da importación de castaña. Hai moita masa forestal abandonada polo despoboamento do rural, e contra isto cómpre animar a mocidade a introducirse no sector, tamén como xeito para combater os incendios", sinala o xerente de Alibós, que valora o "gran potencial" da castaña tamén para revitalizar o rural: "Témolo todo, falta poñer en valor as terras abandonadas e polas que poderían estar vivindo moitas familias".

A necesidade dunha maior profesionalización é outro dos puntos de encontro entre os diferentes actores. "A castaña en Galicia sempre foi unha actividade complementaria á renda das casas; antes tiñamos soutos moi produtivos e unha climatoloxía ideal que propiciaban rendibilidade xa só coa venda en fresco da castaña, pero agora o sector xa non está no seu momento de maior esplendor", explica Sonia Couso. "Que precisamos? Profesionalización e investigación nas variedades e na transformación en produtos derivados que teñan a castaña como materia principal, algo que non se fixo ata agora nin en Galicia nin no Estado, para xerar valor engadido e que rinda durante todo o ano", prosegue. 

E é que dende a Cooperativa Amarelante observan unha "falta de comunicación e de experiementación", e apostan por recuperar receitas tradicionais e innovar noutras. "A xente non sabe os diversos usos das castañas, que son os mesmos ou incluso máis ca os de calquera legume: poden facerse guisos con carne, sopas, doces e cremas, pratos vexetarianos e veganos... E tamén fariña, con todos os usos dunha tradicional; e non ten glute", explica Couso, que apela a "popularizar" o emprego deste froito na restauración e a estudar actividades compatibles cos propios soutos nese camiño pola diversificación, ben sexa a través da produción de mel ou cogumelos, ou mesmo do turismo. 

Couso valora, igualmente, unha "certa promoción e dinamismo" da figura cooperativa e tamén os pasos adiante das administracións no sector, mais lamenta que se "tardou moito en pensar que a castaña era un sector dinamizador". Entre eses avances, cita a creación da Mesa da Castaña, un instrumento constituído no 2019 con capacidade para poñer enriba da mesa as problemáticas enfrontadas, e confía en ver sobre o papel novas axudas para plantacións, conservación dos soutos e transformación. "Agora, que nos atopamos nunha época baixa, temos que potenciar o sector para que siga sendo dinamizador". 

En concreto en materia de conservación, dende Delicias do Souto reclaman á administración contar con "xente experta que coñeza ben como hai que coidalos e mantelos limpos". Porque ante todo, di Concepción Arza, os soutos son "patrimonio natural e cultural" que "salvaron do lume moitas aldeas" e que dan ano tras ano un tesouro con moito potencial por explorar. "Galicia ten que mirar máis por eles", apela.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta