Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 21/10/2022 | Actualizada ás 12:04
A Consellería de Política Social e Xuventude publicou este venres no Diario Oficial de Galicia (DOG) a primeira normativa galega que regula as condicións das casas compartidas para maiores, co obxectivo de dar resposta a unha demanda da sociedade que esixe un novo modelo de coidado, que aprobou este xoves o Consello. Estas medidas entran en vigor en 20 días, tal e como figura na publicación deste venres no DOG, recollida por Europa Press.
A Xunta define estes espazos como "unha modalidade residencial organizada en espazos de uso privado e zonas comunitarias coa finalidade de desenvolver unha convivencia entre as persoas que deciden vivir xuntas nun mesmo lugar para os efectos de promoción da súa autonomía e a atención ante situacións de dependencia".
A regulación establece que o número máximo de persoas residentes é de 150 e que a idade debe ser igual ou superior aos 55 anos. Así mesmo, poden ser residentes persoas cunha idade inferior aos 55 anos, se conviven na mesma vivenda colaborativa con, polo menos, unha persoa residente de idade igual ou superior aos 55.
O DOG recolle que centros habilitados deben contar con espazos privados, de polo menos 12 metros cadrados, así como zonas de uso común, entre as que se inclúen, polo menos, unha sala polivalente, unha zona axardinada ou exterior, un aparcadoiro e un almacén. Ademais, deben contar cun espazo de atención sociosanitaria para a asistencia de persoas que requiran coidados.
Os centros deben contar con profesionais vinculados para atender a persoas con dependencia a través dun plan de atención especial. Así mesmo, se o número de persoas residentes con dependencia recoñecida é igual ou superior ao 25%, debe haber unha persoa responsable con titulación universitaria e formación complementaria no ámbito da atención á dependencia.
Na comparecencia despois do Consello deste xoves, o titular da Xunta, Alfonso Rueda, defendeu que o 'cohousing' ou vivenda colaborativa é un modelo de convivencia que conta cunha ampla traxectoria noutros países como os nórdicos.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.