Familias denuncian a privatización dunha escola infantil na Coruña sen aviso previo

Ao pasar a mans privadas, os prezos dos servizos complementarios, como material escolar, almorzo, comedor e merenda, "incrementáronse ata un 50%", denuncia a ANPA do centro.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 25/10/2022 | Actualizada ás 18:14

Comparte esta noticia

As familias da escola infantil Carmen Cervigón da Coruña veñen de denunciar a privatización da xestión do centro sen comunicación previa. A ANPA do centro expresa a través dun comunicado o seu rexeitamento á saída da escola infantil Carmen Cervigón, pertencente á Real Institución Benéfico Social Padre Rubinos da Coruña, da Rede de Escolas Infantís Municipais do Concello da Coruña. Deste xeito, a xestión pasa a ser exclusivamente privada "para acollerse así á gratuidade das oito horas de escolarización subvencionadas pola Xunta de Galicia", explican nun comunicado. 

Escola infantil Carmen Cervigón da Coruña
Escola infantil Carmen Cervigón da Coruña | Fonte: arquivo

Este feito, do que foron coñecedoras o pasado 2 de setembro supón, segundo a ANPA, "varios prexuízos" para as familias, que denuncian ter escolarizado ás crianzas nunha escola infantil pública sen ter comunicación por parte do Concello da Coruña nin da Real Institución Benéfico Social Padre Rubinos do cambio, previo ao inicio do curso, na súa xestión. "Ao pasar a mans privadas, os prezos dos servizos complementarios (material escolar, almorzo, comedor e merenda) incrementáronse en ata case un 50%, xa que a escola non ten por que acollerse aos prezos fixados pola administración", critica a ANPA.

Así mesmo, explica a organización de nais e pais, aquelas familias que para o vindeiro curso desexen que as súas crianzas acudan de novo a unha escola da Rede Municipal, non terán preferencia na solicitude de praza xa que proveñen dunha escola infantil de titularidade privada. A ANPA tamén denuncia a "perda das axudas e bonificacións de comedor" tanto para as familias numerosas como para familias monoparentais.

Ademais, a partir da privatización da escola, "é obrigatorio facer o pago dunha mensualidade completa (286€) no caso de que a crianza non asista ese mes sen causa xustificada, o que está levando ás familias a escolarizar aos seus fillos e fillas antes da idade recomendada", prosegue a ANPA, que critica que dende este curso "se elimina a garantía do uso do galego como lingua vehicular dentro da escola".

Por todo isto, dende a ANPA Carmen Cervigón solicitan ao Concello da Coruña que inicien os trámites para que a Escola Infantil Carmen Cervigón volte a formar parte da Rede de Escolas Infantís Municipais e que "bonifique as familias a diferenza nas taxas de almorzo, comedor e merenda con respecto das taxas establecidas para as Escolas Infantís Municipais, incluíndo as bonificacións para familias numerosas e monoparentais".

Tamén demandan que o Concello ofreza ás familias das crianzas matriculadas na Escola Infantil Carmen Cervigón "as mesmas posibilidades" que ao resto de familias da rede pública para matricular no vindeiro curso ás crianzas noutra escola. Por último, as familias reclaman explicacións do concelleiro de Educación, Memoria Histórica, Innovación, Industria e Emprego, Jesús Javier Celemín, relacionadas con este proceso de privatización da escola e a "situación de desamparo" en que, explican, se atopan as familias. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta