Álvaro Domínguez gaña o Premio Xosé Neira Vilas de Novela Curta 2022

O xurado destacou na novela gañadora, Cristais rotos, a forza dun relato que mergulla o lector nas vivencias duns personaxes que beirean a traxedia.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 27/10/2022 | Actualizada ás 13:11

Comparte esta noticia

O xurado da sétima edición do Premio Xosé Neira Vilas de Novela Curta decidiu este xoves, e por unanimidade, concederlle o galardón á obra Cristais rotos, de Álvaro Domínguez. A sesión celebrouse no compostelán Pazo de San Roque e o xurado estivo integrado por Juan Andrés Fernández e Rosalía Morlán, membros da Fundación Xosé Neira Vilas, así como polo investigador, crítico literario e profesor universitario Armando Requeixo.

O escritor Álvaro Domínguez, gañador do Premio Xosé Neira Vilas de Novela Curta
O escritor Álvaro Domínguez, gañador do Premio Xosé Neira Vilas de Novela Curta | Fonte: remitida

O xurado argumentou a súa decisión na forza narrativa dun relato que profunda nas luces e sombras dunhas vidas golpeadas polo destino. Así mesmo, salientou a habelencia na orquestración estrutural da obra, na que conflúen tramas alternas e complementarias, escritas cunha prosa brillantemente perfilada de diálogos áxiles e cheos de verosimilitude.

Despois de publicar relatos curtos en portais dixitais como Amateurs Hotel ou The Barcelona Review, Álvaro Dominguez estreouse no medio impreso formando parte da antoloxía Lo que no se dice, da editorial Dos Bigotes. Foi un dos finalistas do premio Cosecha Eñe 2017 convocado pola revista Eñe. Ese mesmo ano recibiu o premio Tandaia por Veintitantos problemas, a súa primeira novela publicada en castelán.

Despois de cursar o Máster de Edición Universidad Autónoma de Madrid-Taller de Libros traballou no mundo editorial en calidade de lector de manuscritos, corrector, tradutor e tamén en prensa. Historiador do Arte de formación, na actualidade dedícase ao ensino.

GALARDÓN

O galardón será entregado o mércores 3 de novembro nun acto público na sede da Fundación Xosé Neira Vilas en Gres (Vila de Cruces), que comezará ás 18.30, e que coincide coa conmemoración do Día do Lector e da Lectora. O premio está dotado con 1000 euros e a publicación do traballo seleccionado.

O obxectivo deste certame, dirixido a público infantil e xuvenil, é estimular a creación literaria, fomentar a lectura en lingua galega e proporcionar obras de calidade ao público mozo que lle permitan achegarse ao engaiolante mundo da novela.

O Día de Neira Vilas contempla tamén nesta ocasión a inauguración dunha exposición coas ilustracións realizadas pola artista plástica Belén Rodríguez Pazo para O cabaliño de buxo, que o escritor de Gres dera a coñecer en 1971 e da que agora se ofrece unha reedición na colección Árbore de Galaxia.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta