Avelino Martínez, do Dezaseis: “é unha sorte inmensa manter a clientela”

Falamos cun dos socios do emblemático restaurante compostelán que, ante as adversidades que afrontan nestes tempos, di que buscan solucións para seguir adiante e agradecen a ‘fidelidade da clientela’.

Por X.M. Fernández | Santiago de Compostela | 01/11/2022 | Actualizada ás 10:00

Comparte esta noticia

O sector da restauración, que vén de sobrevivir a unha pandemia, atópase agora con dificultades para atopar persoal e ten que facer fronte a unha inflación que dispara os custes.

Avelino Martínez, do Dezaseis. Foto cedida.
Avelino Martínez, do Dezaseis. Foto cedida.

“Temos problemas para atopar persoal cualificado, sobre todo en cociña”, comenta Avelino --do restaurante O Dezaseis-- ao tempo que se laia de que este verán “quedou xente fóra por falta de persoal e non por falta de espazo…”.

A falta de man de obra para manter a hostalaría está á orde do día e barállanse moitas causas. Avelino atopa algúns motivos como poden ser que a pandemia fixo “buscarse a vida a profesionais da restauración por outro lado”, ou tamén que “costa encaixar horarios de descanso e conciliación”. E iso que eles, comenta tamén, están dando fins de semana, 3 días xuntos seguidos de descanso e respectando as 40 horas semanais. Aínda así, insiste, teñen problemas para atopar man de obra cualificada no mercado.

“Temos problemas para atopar persoal cualificado, sobre todo en cociña” 

SAÍR ADIANTE DESPOIS DA PANDEMIA

Este 2022 deuse, por fin, despedida aos peores tempos da pandemia e semella que volvemos á normalidade. Preguntamos a Avelino como lles está indo no Dezaseis este ano e contéstanos que “non houbo volta á normalidade completa por varios motivos, a falta de persoal comentada, o cambio de hábitos nos horarios que reduce a rotación de clientes e a subida de custes de produción”.

Equipo de traballo no Dezaseis. Foto: Avelino Martínez.
Equipo de traballo no Dezaseis. Foto: Avelino Martínez.

Esta é a dura realidade do sector da restauración, que superada a crise da Covid19 chegou unha inflación que está disparando os custes de produción. As subas de electricidade, gas e materias primas están apreixando ao sector, unhas subas que non son proporcionais á dos soldos.

Que solucións lle quedan á hostalería?

Segundo refire o noso interlocutor, non lles queda outra que axustar custes o máximo posible e subir prezos. Pero aínda así, sinala que “subimos prezos pero nunca son proporcionais á subida da materia prima, non chegamos a repercutir os custes no prezo de venda”. E engade, “un cliente de fóra, puntual, ao mellor pode, pero a clientela de todo o ano non pode permitirse a subida que deberíamos facer”.

Daquela, no Dezaseis tiveron que buscar outras solucións para facer viable o negocio. Unha delas foi a dixitalización, xestionando reservas online que liberan de traballo ao persoal. Funciónanlles moi ben evitando estar pendentes de contestar teléfono ou mails para anotar reservas.

Tamén inciden máis que nunca nunha boa organización á hora de facer compras, en cociña, na carta e na elaboración de menús. No verán, por exemplo, funcionoulles moi ben a opción “prato do día” no canto do clásico “menú do día”. Respecto ao menú do día, Avelino lembra que esta opción xa volveu ao Dezaseis ao prezo de sempre e irán valorando este trimestre se cómpre subilo de prezo ou non.

HABÍA GANAS DE VOLVER AOS RESTAURANTES

Aínda coas dificultades referidas, este verán viuse moito movemento en bares e restaurantes. Sen tempo non era, había ganas de volver a eles, de xuntarse arredor dunha mesa, de gozar das terrazas…

“Non podes estar sempre pensando en mañá, hai que vivir o hoxe"

“A xente tiña moitas ganas… había necesidade de saír”, refire Avelino ao tempo que reflexiona “non podes estar sempre pensando en mañá, hai que vivir o hoxe”.

Respecto ao verán, recoñece que se deron moi ben as cousas tendo incluso que dicir a moita xente que non, pola comentada falta de persoal para poder manter a calidade de servizo que os caracteriza. Agradece tamén, como sempre, a fidelidade que mantivo o cliente do día a día. “É unha sorte inmensa manter á clientela”, remata Avelino.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta