Por Cris Mosteiro Reboredo | Santiago | 25/10/2014 | Actualizada ás 20:08
Citámonos con Davide Salvado na Cidade da Cultura, diante do Museo do Gaiás, baixo un sol abrasador, para ser outubro, e co son da txalaparta como fío musical. Con el conversamos sobre o Womex como o privilexio de formar parte del, da súa música e o seu novo disco “Lobos”, do folclore galego e ata da relación do goberno coa industria musical.
Ben Davide aquí sentados neste espazo escenario da feira do Womex, a primeira pregunta obrigatoria é: como recolles ese recoñecemento de formar parte da Selección Ofical do Womex 2014?
Con moita alegría e, tamén, con moita sorpresa porque non me esperaba que me escolleran a min, hai un montón de propostas moi boas neste país.
Contento que dende fóra se me valore deste maneira
Si de feito, nunha entrevista ao diario El País, comentabas iso mesmo e a idea duns certos prexuízos cara a túa música ou a túa persoa
Cara a min máis ben, porque está claro que se fora este un festival galego non ía ser eu o seleccionado, diso estou seguro eu e todo o mundo. Por iso estou contento de que me elixira un comité de fóra porque non ten prexuízos, non me coñecen como persoa e tampouco as miñas ideas políticas. Contento que dende fóra se me valore deste maneira.
Con prexuízos ou non, a túa música, defínese como “transgresora”, concordas con esta idea?
Non, eu non a vexo así en absoluto. A miña música defínoa como galega, propia e como patrimonio musical galego. Eu recólloa e cántoa coas miñas vivenzas, co meu espírito. Non pretendo ser transgresor na miña vida musical, fago múcia popular como facía miña avoa, miña bisavoa e toda a xente que a segue facendo en Galicia.
Aínda que cante un bolero é galego porque son eu o que o canto
Unha música que parte de varias influenzas, cales poderían ser as principais?
As fontes das que bebo son a música folclórica de raíz, ou sexa as vellas de Galicia, a copla española , a música brasileira en particular Caetano Beloso e, logo, levo moi dentro a música portuguesa, sobre toda a Madre Deus. Eu canto segundo toda esa información, pero é música galega; aínda que cante un bolero é galego porque son eu o que o canto.
Unha formación nesta arte practicamente autodidacta que combinaches con estudos no centro aCentral Folque, cres, por elo, que deba existir unha escola que che ensine a facer folclore?
Si, debería haber un centro público, gratuíto e de calidade para a ensinanza do noso folclore e, xa non só un centro, senón que se debería impartir en tódalas escolas cultura e música popular galega.Penso que é fundamental.
Entón, opinas que non hai unha información suficiente sobre estas materias, por así decilo?
Si existe información pero a nivel político non convén, parece que é máis guai ser plano que montañoso. Mellor ser unha alfombra plana e a poder ser de fóra, do Ikea, que unha feita por unha tecedeira de aquí, non vaia parecer que é galega.
A xente non sabe bailar muiñeira, nin coller unha pandeireta e iso é grave
Polo tanto, o panorama do folclore galego non se vé moi brillante
Dentro da miña burbulla particular está ben, eu coñezo moi xente que canta, baila e toca. Pero a realidade é que a xente non sabe bailar muiñeira, nin coller unha pandeireta e iso é grave.
“Árnica pura”, disco de Davide do 2011 que disque cura: “Facendo música de raíz, que está no xene da xente iso cúrate porque transládate a un estado”
Supoño que como falamos antes, para iso sería interesante contar con esa formación da que ti falabas. Así é que con ese saber facer xa levas ben anos subido aos escenarios cantando e tocando con Budiño ou no grupo Ecléctica Ensamble, na actualidade, actuando no teatro e no cabaret con Carlos Blanco, por exemplo, é dicir rodeado de xente. Non obstante, no 2011 decides recollerte ti só e gravar un disco, por que?
Pois non hai ningunha razón. Levaba anos querendo gravar e falando un día con Eliseo Parra, dixemos e por que non facemos un disco? E unha cousa levou a outra e de repente xa estaba gravando un disco no que o proceso de gravación foi moi bonito, na súa casa, na Serra de Gredos, moi íntimo. Pero agora que o vexo dende lonxe faría unha cousa distinta, non é tan persoal como me gustaría
O nome dese primeiro disco é “Árnica pura” algo parecido a un remedio
Aquí dise man de santo, pero noutras rexións é árnica pura. E iso pasoulle a unha señora (cando Davide cantaba na súa casa) que dicía que se lle esquecían tódolos males mentres eu cantaba, que eu era árnica pura e gustoume moito esa metáfora.
https://www.youtube.com/watch?v=TK9rWemWucQ
Entón finalmente cura, non?
Eu creo que os que cantamos somos músicoterapeutas para nós mesmos, sobre todo, e para os demais, supoño. Facendo música de raíz, que está no xene da xente iso cúrate porque transládate a un estado.
Davide Salvado saca novo disco, moito “máis galego”
Música en vez de pomada para as feridas soa moi ben, “Árnica pura” pois. O título do teu segundo traballo, en forma de espectáculo, “O ladrón de amorodos” tamén obedece a un recurso literario
Si, é unha metáfora, eu vou collendo os amorodos máis ricos, saborosos e salvaxes de toda Galicia e convérteos en música.
Un espectáculo que axiña pasará a ser disco, como nos adiantabas en primicia. “Lobos” se chamaría, por que mudar o seu nome se se manteñen as mesmas melodías, os músicos?
É o mesmo concepto, os mesmos músicos, cancións si, cancións non pero ese cambio é porque xa pasou un ano e xa dixen moitas veces “O ladrón de amorodos” e penso que “Lobos” é moi conceptual para o que busco, o que son eu e o lugar onde vivo.
Son diferentes os dous discos?
Absolutamente, cambiou a madurez. estou máis seguro do que quero facer, este é máis galego. O primeiro disco era moi global, tiña moito interese en que se puidera cantar en galego unha copla, acompañar unha muiñeira de bandurrias e agora xa non teño ese interese. Agora quero que a xente goce coa música galega e ese é o motivo, facer música agradable, con ritmos arcaicos dunha maneira romántica, de corazón; é moi poético este disco.
“Máis minimalista pero máis dentro de min ca antes”
Para ti é moi importante ese contacto, ese feeling co público
É o único que me motiva, odio o estudio, porque estou só, aí cantando, de feito cando gravo levo amigos para poder cantarlle a alguén. Non soporto cantar sen motivo digamos, só cun motivo mental cústame máis. Son de público, absolutamente.
Como é a posta en escena de Davide?
A posta en escena é básica, son eu e a enerxía que flúa neses momento. Non preparo nada, agora estou como máis minimalista pero máis dentro de min ca antes.
“Ten que haber feira, industria musical. En Galicia non a hai e por iso estamos flipando”
E xa para rematar esta conversa, pechamos o círculo, retomando o Womex, é este un evento pensado para o público, de a pé? e se non é, debe selo?
Non, é unha feira e está pensada para produtores, axentes musicais. Tamén hai concertos para o público pero ten que haber feira, industria musical. En Galicia non a hai e por iso estamos flipando, pero a ver se aprendemos un pouco disto, vennos de marabilla. Os políticos están flipando, tamén, non sabían que a música xeraba isto, é terrorífico vaia.
Pode haber un antes e un despois para a industria musical galega tralo Womex 2014?
Debería habelo,pero non o vai haber porque estamos neste pais. Por exemplo en este pais, refírome a Galicia, debe ser o único do Womex, no que o goberno non ofrece axudas para viaxar aos músicos e iso é moi heavy. Hai un montón de xente da India, Malasia, interesada en nós que nos paga o caché claro, pero hai que viaxar ata alí. En tódolos países o goberno axuda aos artistas en Galicia non pasa iso.
A World music é “música pensada para a liberdade”
Agardemos que iso cambie. O Womex é a festa do world music, que é a world music para ti?
É a música dos pobos, a que se tocou sempre, a que levamos no xene. A música de raíz é súper libre é a única música que non ten xénero. Ti podes facer o que queiras co folclore: meterlle electrónica ata a Lady Gaga facendo coros. É música pensada para a liberdade, para a manifestación persoal.
O sol seguía a quentar entre as pedras fermosas e caras da Cidade da Cultura. A conversa con Davide Salvado, intensa, mestiza e libre. A música da txalaparta comeza a mesturarse con electrónica e móveme a alma dun punto cardinal a outro, debe ser certo o que di Davide da world music: “é a música dos pobos, a que se tocou sempre, a que levamos no xene”, por iso se debe vivir dende dentro.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.