A Xunta quere compensar a eliminación da bonifificación do 10% do canon do lixo reducindo o 15% do canon de Sogama

Pero só se bonificará o canon ao lixo a aqueles municipios que instalen o colector marrón no 2023.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 09/11/2022 | Actualizada ás 11:34

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou que no próximo exercicio introducirase unha bonificación do 15% no recibo da Sociedade Galega de Medio Ambiente (Sogama) a todos os municipios que "se comprometan a instalar o quinto colector, o colector marrón" para seguir mellorando o procedemento de separar residuos.

Rueda realizou este anuncio na sesión de control da Cámara, tras a polémica xerada pola decisión da Xunta de eliminar a bonificación do 10% sobre o canon ao lixo. A oposición, en días pasados e leste mesmo mércores, advertiu de que esta medida se traduciría nunha subida do recibo para o cidadán, mentres que a Xunta insistía en que a competencia era exclusivamente municipal.

Con todo, este mércores, Rueda anunciou esta nova bonificación para os concellos que instalen o colector marrón antes de que finalice o ano 2023, un horizonte temporal que, por outra banda, coincide coas esixencias legais marcadas pola propia directriz europea. Máis aló, a sesión de control centrouse no debate sobre os orzamentos autonómicos para o próximo exercicio e a decisión da Xunta de retirar a 'Tarxeta Básica'.

O portavoz parlamentario socialista, Luís Álvarez, afeou a Rueda retirar esta medida mentres rebaixa o Imposto de Patrimonio "aos ricos". A crítica secundouna a líder do BNG, Ana Pontón, quen acusou ao presidente de ser "un Robin Hood ao revés", que "cunha man quita a 'Tarxeta Básica" ás familias que "máis a necesitan" mentres "regala 30 millóns aos máis ricos".

Tras lamentar Álvarez a "teimosía innecesaria" de empeorar a situación de quen teñen dificultades para "encher a lista da compra" mentres se "beneficia" aos máis podentes, Rueda defendeu a súa política fiscal obviando as críticas polo tributo de Patrimonio e proclamou que "a baixada de impostos" tamén serve "para que a xente teña máis diñeiro e poida ir á compra".

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, e o conselleiro de Facenda, Miguel Corgos, no Parlamento de Galicia.. DAVID CABEZÓN/XUNTA / Europa Press
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, e o conselleiro de Facenda, Miguel Corgos, no Parlamento de Galicia.. DAVID CABEZÓN/XUNTA / Europa Press

FEGAMP

Pola súa banda, aA Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) valora que a Xunta "rectifique e busque algunha solución" á retirada da bonificación de Sogama do 10% "da que se beneficiaban os veciños" de máis de 160 concellos.

"O anuncio da supresión desta axuda viña aumentar o malestar e inquietude xerados nos alcaldes tras coñecer que o Goberno autonómico pretende non aumentar o financiamento dos concellos despois de mantelo máis de 10 anos conxelado", sinala, a través dun comunicado de prensa.

A este respecto, lembra que se produciu un "aumento de competencias transferidas ao ámbito local" e que "todo isto" se ve "agravado" cos "sobre gastos que están a afrontar os concellos polo incremento de custos derivados da crise económica actual".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta