Azkar deixa o Prone

O club lucense da LNFS anuncia a marcha de Transportes Azkar como patrocinador despois de doce anos de colaboración. O presidente Manuel Vázquez garante a viabilidade económica do club.

Por gcdeportes | Lugo | 29/10/2014 | Actualizada ás 08:51

Comparte esta noticia

Afundido na táboa con sete derrotas en sete partidos, todo son malas novas. Despois de doce anos sendo o Azkar, o Prone volve ser o Prone Lugo. O club lucense, que milita dende 2002 en Primeira División, anunciou nun comunicado a marcha do seu patrocinador, Transportes Azkar.

O Prone Lugo deixa de ser Azkar.
O Prone Lugo deixa de ser Azkar. | Fonte: pronelugoad.com

A saída será oficial este venres, 31 de outubro. A partires dese día, o Azkar recuperará o nome orixinal: Prone Lugo AD. A pesares da inquedanza que produce a nova, o presidente Manuel Vázquez restou importancia á marcha de Azkar e garantiu a viabilidade económica do club.

“Con data de 31 de outubro de 2014 a empresa Transportes Azkar SA deixará de ser patrocinador do primeiro equipo de Prone Lugo AD, que milita na actualidade na Primeira División da LNFS.
Dende Prone Lugo AD agradecer os 12 anos de aposta polo noso deporte e ao noso club, dado que nunha cidade tan pequena como Lugo os obxectivos acadados non serían posíbeis sen unha vinculación tan significativa como a que tivo Transportes Azkar. Por este motivo, a partires do 1 de novembro de 2014 o nome deportivo e comercial do primeiro equipo pasará a ser denominado Prone Lugo AD para todos os efectos. A xunta directiva de Prone Lugo AD quere transmitir tranquilidade xa que esta desvinculación con Transportes Azkar será progresiva e ordenada sen afectar á continuidade do proxecto”, apunta o comunicado do club.

Nunha entrevista en Radio Lugo, Manuel Vázquez dixo que a saída do patrocinador, que se fará de xeito9 progresivo, era algo que se vía vir dende a venda de Transportes Azkar á empresa alemana Dachser. “Péchase un ciclo, pero non pasa nada. Hai que seguir traballando”. O presidente do Prone Lugo dixo que o proxecto do club ten que pasar pola canteira, para estar en Primeira nun prazo curto de tempo, como xa dando por asumido un posíbel descenso esta mesma tempada. En troques, o presidente reclamou axuda dos medios de comunicación para axudar aos rapaces a sacar ao equipo do último posto.

O Prone Lugo, que hai quince días renunciou a viaxar a Tenerife a participar na Copa do Rei e recibiu unha sanción de 3.000 euros, ten este venres (21.00 horas) unha saída compricada á cancha do Inter Movistar, co-líder da clasificación con 17 puntos.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta