Vento de forza 8 e ondas de seis metros na costa da Coruña

Alerta laranxa por temporal costeiro no litoral noroeste da Coruña a partir da tarde deste luns.

Por Europa Press / Redacción | A Coruña | 14/11/2022 | Actualizada ás 13:20

Comparte esta noticia

A Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Xunta activará unha alerta laranxa por temporal costeiro no noroeste da provincia da Coruña, por ventos que poderán superar a forza 8 e ondas de ata seis metros de alto a partir das últimas horas da tarde deste luns.

Ademais, na Costa da Morte e nas Rías Baixas, o aviso meteorolóxico será de nivel amarelo para as mesmas horas, con refachos de forza 7 e ondas de ata cinco metros, segundo datos da Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet).

No que respecta á xornada do martes, xa desde a medianoite haberá unha alerta amarela por precipitacións acumuladas no suroeste da provincia da Coruña, nas Rías Baixas e na zona do Miño da provincia de Pontevedra.

Mentres tanto, haberá alerta amarela por refachos de vento de ata 80 quilómetros por hora en toda a provincia da Coruña, no interior da de Pontevedra e na comarca lucense da Mariña.

Neste contexto, a Xunta lembra aos cidadáns a importancia de manterse afastados da liña de costa e pídelles que extremen as medidas de seguridade á hora de realizar calquera actividade no mar, así como que revisen os cabos e os amarres das embarcacións.

Forte ondada na zona de Santa Maria de Oia ata Cabo Silleiro
Forte ondada na zona de Santa Maria de Oia ata Cabo Silleiro | Fonte: Gustavo de la Paz - Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta