Os días de altas temperaturas no verán multiplícanse por 11 con respecto a hai 20 anos, con 19 días de onda de calor

Investigadores da USC advirten de que "é necesario actuar canto antes" fronte ao "período de emerxencia climática"

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 14/11/2022 | Actualizada ás 18:49

Comparte esta noticia

O Congreso Internacional e a Asociación Española de Climatoloxía, que se desenvolveu na USC no mes de outubro, concluíu que os días de calor este verán multiplicáronse por 11 con respecto á media do período 1970-2000, con 19 días de media de onda de calor en España.

"No período 1970-2000 a media en España era de 1,7 días. Os días de calor este verán multiplicáronse por 11 con respecto a hai 20 anos", segundo un estudo presentado no congreso polos profesores da USC, Dominic Royé e Alberto Martí Ezpeleta.

Así, o documento reflicte que os veráns se alongaron un mes máis en relación co anterior período. "Rexistráronse valores térmicos excepcionais e anómalos desde o mes de maio ata o mes de outubro. Superáronse as marcas históricas (diarios e mensuais) en varios meses de 2022 e en moitos lugares de España e Europa. O vivido este verán é un síntoma do cambio climático", explicaron.

Por iso, os profesores advertiron de que nos atopamos nun período de emerxencia climática no que "é necesario actuar canto antes".

Nesta mesma liña, cualificaron esta década de "fundamental" para "tomar con urxencia medidas de mitigación" que axuden a non exceder os 1,5º/2º acordados no cume de París en referencia ao quecemento global, xa que "os efectos serían catastróficos para a saúde, a economía e os sistemas naturais".

"Xa vivimos nos efectos do cambio climático e os modelos indícannos que a situación vai empeorar nas próximas décadas", advertiron os investigadores.

Ademais, detallaron que en Galicia se esperan períodos de seca máis dilatados no tempo, ondas de calor máis longas e intensas, precipitacións concentradas en menos días ao ano e condicións máis favorables para os incendios.

Neste senso, afirmaron que o incremento de días con perigo alto e extremo de incendios en Galicia sería de cinco a dez cun incremento de temperatura de 1,5º; de 10 a 20 días, cun ascenso térmico de 2º; e máis de 20 días, cun incremento de 3º.

Así mesmo, as áreas do interior de Lugo e Ourense "poderían ser máis susceptibles a estes cambios". Do mesmo xeito, sinalan que a Península Ibérica, Turquía e Grecia son as áreas onde se incrementaría máis o risco de incendio na contorna europea.

Por outra banda, segundo trasladou a USC nunha nota de prensa sobre este congreso, os expertos indicaron que o sur de Europa é a zona que experimentará unha maior redución das precipitacións.

En concreto, comparado co período 1981-2010, no sur de España, cun incremento de 3º de temperatura, o descenso sería superior ao 15 %; en Galicia o descenso podería situarse sobre o 10 %.

Un home fai unha fotografía a un termómetro na rúa que marca 45 graos, a 12 de xullo de 2022, en Ourense.
Un home fai unha fotografía a un termómetro na rúa que marca 45 graos, a 12 de xullo de 2022, en Ourense. | Fonte: Rosa Veiga

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta