Os informes sobre financiamento municipal da Fegamp e da Xunta deberán ser "contrastados"

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 24/11/2022 | Actualizada ás 16:56

Comparte esta noticia

O titular da Xunta, Alfonso Rueda, rexeitou pronunciarse sobre o informe de prestación e financiamento de servizos presentado polo presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), Alberto Varela, e alegou que está case pechado outro documento que no seu día "se pactou conxuntamente" encargar a "administrativistas" da USC, pero do que "se descolgou" a entidade municipalista.

Na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta, o presidente galego argumentou que agora será preciso "contrastar" os dous informes e deu a entender que así, aínda que non hai, garantiu, ánimo de "confrontar" cos concellos, será máis difícil acadar "consecuencias prácticas". Que haxa acordos, avisou tamén, esixirá "ceder por ambas as partes".

Devandito isto, declinou pronunciarse sobre un informe que non coñece e que, entre outras cuestións, conclúe que os concellos galegos asumen anualmente un déficit de 624 millóns de euros pola prestación de servizos que ou ben son compartidos polos municipios e a Xunta ou son competencia exclusiva da Administración autonómica.

E asegurou que o que se pactou conxuntamente é encargar un informe a expertos da Universidade de Santiago de Compostela (USC) para avaliar "de forma obxectiva, sosegada e rigorosa" o panorama competencial entre a Xunta e os municipios. "Queriamos, eu estaba de acordo, ver que está a facer cada administración, canto costa e todo iso", resaltou.

Rueda apuntou que mesmo se acordou que o sufragaría a Xunta, pero posteriormente "a Fegamp ou máis ben o seu presidente", en referencia ao socialista Alberto Varela, tamén alcalde de Vilagarcía de Arousa, "decidiu descolgarse, dixo que non estaba de acordo con quen ía facer o informe e que quería que fosen outras persoas".

"O que fixo a Xunta foi continuar co encargo, que está practicamente finalizado e estabamos a esperar a ter unha reunión coa Fegamp cando o presidente decidiu facer público ese informe que os representantes do PP (na entidade municipalista) tampouco coñecían", dixo o dirixente autonómico.

"O DA XUNTA É O QUE SE ASUMIU POR ACORDO"

O presidente galego, sen querer entrar nas informacións e consideracións dun documento cuxo contido asegurou non coñecer, reivindicou que o informe da Xunta é "o que se asumiu por acordo" e que agora, cando se reúnan os representantes do Executivo autonómico e os da entidade municipalista, tocará "contrastar".

Rueda lamentouno e suxeriu que así é máis difícil chegar a acordos, e concluíu a necesidade de ceder polas dúas partes, xa que considera que igual que hai concellos "que fan cousas que corresponderían á Xunta" tamén ocorre o contrario. Por iso, concluíu que "hai que falalo" e "chegar con equilibrio a acordos sobre títulos competenciais e financiamento".

Rueda, tras o Consello da Xunta
Rueda, tras o Consello da Xunta | Fonte: Xunta

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta