As mulleres galegas traballarán gratis dende este luns ata final de ano

Un informe de UGT apunta que cobran un 9,3 % menos por hora que os homes, o que supón 34 días ao ano de traballo gratuíto

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 27/11/2022 | Actualizada ás 11:35

Comparte esta noticia

Un informe de UGT apunta que as mulleres galegas traballarán gratis dende o 28 de novembro ata o 31 de decembro, xa que cobran un 9,3 % menos por hora que os homes, "o que supón 34 días ao ano de traballo gratuíto".

Segundo explican nun comunicado de prensa, estas cifras son similares ao que sucede, de media, no resto do Estado.

Con todo, lembran que esta diferenza aínda é menor da que existe se se comparan os salarios brutos, é dicir, aquel que atende tamén a variables como xornada, modalidade de contrato ou complementos salariais.

"Aquí as mulleres galegas aínda saen peor paradas. Hai que ter en conta que en Galicia un total de 115.000 mulleres traballan a tempo parcial, fronte a 35.000 homes, e os complementos que reciben as mulleres, na maior parte dos casos, ou son inexistentes ou son moi inferiores aos dos homes, por mencionar dúas das variables", detallan.

Por comunidades autónomas, Galicia sitúase na metade da táboa. Nos extremos está a diferenza salarial por hora de Asturias, que é do 14%, e por abaixo a de Estremadura, que non supera o 1%.

UNIÓN EUROPEA

No resto de Europa, apuntan, as mulleres cobran por hora un 13% menos que os homes de media, o que equivale a un mes e medio de salario (47 días). Dentro da Unión tamén hai diferenzas: do 22,3 % de Letonia ao 0,7 % de Luxemburgo.

Ante esta situación, o sindicato insta a aprobar, "canto antes", a Directiva de Transparencia Salarial, "unha norma comunitaria que contribuirá a reducir a brecha salarial entre mulleres e homes en todos os Estados membros".

Indican ademais que a Eurocámara, a través das comisións de Dereito da Muller e Emprego, quere que as empresas da UE, con polo menos 50 empregados, sexan totalmente transparentes en canto aos salarios.

Para iso, pretende impor a estas empresas a obrigación de informar das diferenzas salariais entre homes e mulleres e prohibir o segredo salarial nos contratos de traballo.

"En canto a España, contamos cun acordo de SMI que hai que seguir mantendo e reivindicando o seu incremento e cun Real Decreto sobre igualdade retributiva que debería permitir ás traballadoras españolas coñecer os motivos da súa discriminación salarial e eliminalos, corrixilos e previlos nun futuro a través dos plans de igualdade e os convenios colectivos", defenden.

A isto suman, por último, as demandas ante a Inspección de Traballo ou ante os xulgados, xa que os rexistros retributivos, obrigatorios en todas as empresas e as auditorías salariais, obrigatorias para as que teñan plans de igualdade, "serán probas para poder demostrar a discriminación cara ás mulleres".

Unha muller traballando nun laboratorio
Unha muller traballando nun laboratorio | Fonte: Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta