Ameazan cunha onda de frío polar histórica: canto hai de certo?

Dende a Aemet xa sinalan que as dúas próximas semanas aínda serán máis calurosas do que é frecuente nesta época do ano e o investigador da USC Dominic Royé asegura que este 2022 está a ser o ano máis cálido da serie histórica

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO | 29/11/2022 | Actualizada ás 21:00

Comparte esta noticia

Fai nada, ao comezo desta mesma semana, que as temperaturas comezaron a ser máis propias do que Galicia nos ten acostumados nesta época do ano. Con anterioridade, viamos termómetros mesmo por riba de 15 grados, algo que se nos facía moi sospeitoso nun clima atlántico como o noso. Agora as mínimas, durante as noites, caen en picado xa por baixo dos dez grados. 

Temperatura media por días ano 2022
Temperatura media por días ano 2022 | Fonte: Dominic Royé

Lugares da provincia de Ourense como Calvos de Randín, Verín, Baltar, Xinzo de Limia ou Baños de Molgas caeron mesmo dos dous grados, aproximándose perigosamente nalgúns casos a cero, e baixando de cero en estacións de montaña como a da Veiga, Carballeda de Valdeorras ou Vilariño de Conso. Aínda que tamén hai que destacar que polo día cidades como Vigo ou A Coruña sobrepasaron os 15 grados. Xogamos con extremos, non cabe dúbida.

Mais o que agora preocupa é algo que nestes días saltou á palestra como se se aveciñase unha catástrofe extintiva para a humanidade: a rotura do vórtice polar estratosférico. E que é iso do vórtice? Pois trátase dunha grande área de frío situada no polo norte e que se ubica na estratosfera, entre os 15 e os 20 kilómetros cara riba dende o chan, caracterizándose por se unha zona de fortes ventos que pode determinar en gran medida o tempo invernal e traer consigo unha grande onda de frío, máis grande incluso que a que se achegou coa borrasca Filomena a Madrid non fai tanto.

A rotura deste vórtice produciríase por unha especie de bloqueo atmosférico, é dicir, unha situación na que se xera unha área de altas presións en superficie, condicionando a circulación atmosférica durante días ou mesmo semanas, o que podería modificar a circulación do aire en todo o hemisferio norte, onde está precisamente a nosa comunidade. 

DE AQUÍ A QUINCE DÍAS INCLUSO FARÁ CALOR

Temperatura media por días ano 2021
Temperatura media por días ano 2021 | Fonte: Dominic Royé

Sucederá ou non? Aínda que como adoita acontecer en meteoroloxía todo é moi incerto, este ano hai máis condicións favorables a que suceda que en anos anteriores: "As pezas do puzzle atmosférico, efectivamente, encaixan cun escenario dunha posible rotura do vórtice polar estratosférico, mais isto non é seguro que vaia acontecer", din dende a Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet).

Mais a través da súa conta de Twitter, a axencia matizou que as temperaturas desta semana serán "un pouco máis frías do habitual no norte peninsular (en Galicia) e máis templadas no sur". Sen embargo, esta baixada nos termométros non significará realmente que unha ola de frío vaia a chegar a España. 

"As dúas semanas seguintes serán claramente máis cálidas do normal en todo o país. Non hai á vista, polo tanto, unha ola de frío en España", explicaron dende a organización. De feito, a previsión a quince días para Santiago a día de hoxe (susceptible de cambios) non amosa que ata o vindeiro venres 9 de decembro se vaia baixar dos 10 grados a máxima ou chegar aos cero (xeadas) a mínima, algo moi inusual para a época do ano que estamos a atravesar.

Aínda con todo, dende Galicia Confidencial decidimos contrastar a posibilidade cun experto, Dominic Royé, investigador da USC, que efectivamente nos tranquilizou a respecto do tema: "Aínda que poden baixar as temperaturas nos próximos días, especialmente as mínimas, non será nada excepcional". 

OITO MESES CON ANOMALÍA POSITIVA NA TEMPERATURA MEDIA

E é que, de feito, Royé indica no seu Twitter que "España xa leva acumulados 242 días ou case oito meses cunha anomalía positiva con respecto á súa temperatura media rexistrada entre os anos 1971 e 2000". "O total de anomalía acumulada, ou exceso, é de 628 grados centígrados, o que posiciona o ano 2022 no primeiro lugar da táboa histórica como o máis caluroso", subliña o investigador. Para atopar o segundo habería que retroceder cinco anos, ata o 2017, con 588 grados acumulados.

No momento actual, tal e como comenta con este medio, asegura que, "en xeral, España segue con temperaturas por enriba do habitual para esta época do ano". Indo a ver os seus calendarios de temperaturas, obsérvase que esta semana, a pesar de ser a primeira de 'frío' en Galicia, está aínda moi lonxe dos rexistros da mesma semana do pasado ano.

"En xeral, España segue con temperaturas por enriba do habitual para esta época do ano"

Así, dende o 21 ao 29 de novembro houbo moitos días de temperaturas normais (nin calor nen frío), pero houbo un de calor anormal e tan só tres de lixeiro frío. Mentres que no mesmo periodo de 2021 todos os días fixo moito frío ou bastante frío. 

Ademais, analizando a gráfica tamén realizada por este investigador sobre o que vai de 2022, obsérvanse picos por riba da media moi salientables. Por exemplo, actualmente, a estas alturas do mes de novembro España atópase nada menos que 6,5 graos por enriba da media histórica para esta época. No mes de xullo, tamén estivo uns 5,5 graos por riba. A mediados de xuño, nada menos que 8,1 graos por riba. Para ninguén é sorpresa dado que este foi o peor ano de sequía en Galicia dende hai moito tempo. 

Pola contra, os momentos puntuais (moi poucos) nos que a temperatura media en España estivo por debaixo da habitual histórica foron finais de setembro, que estivo como uns tres grados por debaixo; o comezo de abril, que caeu 5,4 graos por debaixo da media; ou a segunda metade do mes de xaneiro, que foi especialmente frío.

Resumo de temperaturas medias deste ano 2022
Resumo de temperaturas medias deste ano 2022 | Fonte: Dominic Royé
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta