Roma Gallardo volve a liala: defende que se debería comprobar que as agresións ás mulleres se dan polo feito de selo nunha charla universitaria

Xunto ao tamén youtuber Rubén Gisbert participan na rolda de preguntas dunha poñencia sobre feminismo e igualdad dada por unha avogada na Universidade de Oviedo

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO | 30/11/2022 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

"Se o teu mozo che agrede, faino porque é o teu mozo e ten motivos persoais. Mais despois non se vai a pegar a todas as veciñas do edificio por ser mulleres. Entendes iso? O seu motivo non é o teu sexo, senon os vosos temas persoais. O agravante debe ser de parentesco". Esta frase correspóndese cun tuit publicado polo famoso youtuber Roma Gallardo na súa conta oficial, que tardou poucas horas en borrar.

Frase na que se ampara Roma Gallardo para criticar á poñente
Frase na que se ampara Roma Gallardo para criticar á poñente | Fonte: YouTube

O polémico youtuber caracterízase polo seu contido crítico con moitos temas (entre eles a política e o apoio a certas propostas de Vox), máis nos últimos meses sobrepasou as barreiras do políticamente correcto, sen freos, para loitar contra os feminismo e adicarse, tal e como el confesa, a "desmontar feministas". Así de grave é o asunto. Unha persoa con máis de 1,7 millóns de seguidores en YouTube publica unha mensaxe xustificando que as agresións cara as mulleres non se dan polo feito de ser mulleres, senón porque hai temas persoais de por medio na relación.

Cantas vítimas morreron a mans das súas parellas ou ex parellas por problemas persoais? Por suposto que todos os maltratadores teñen algo que lles fai saltar o 'chip', pero non se trata de que sexa culpa da muller, senón de que eles interpretan que o é. De aí que se fale de violencia de xénero, porque independentemente do desencadeante, no trasfondo sempre está o xénero: por ser muller.

Mais deixando a un lado estas declaracións tan grotescas e fóra de lugar, esta semana Roma Gallardo volveu lucirse públicamente, cunha visita xunto ao seu amigo, o tamén youtuber Rubén Gisbert. Ambos acudiron a unha exposición sobre violencia de xénero que estaba dando unha avogada na Facultade de Dereito de Oviedo, traballadora do Centro de Información á Muller (CIM) de Cangas de Narcea, con motivo da semana a prol da igualdade de xénero.

Na súa exposición, a avogada falaba da súa experiencia persoal e de como os CIM son un recurso de primeira entrada para asistir ás mulleres vítimas de violencia de xénero. Ata aquí todo ben. Mais foi na rolda de preguntas tras a charla cando Rubén Gisbert, respaldado por Roma Gallardo, procedeu a interpelar á poñente, nunha actitude que a estaba facendo sentir realmente incómoda.

EQUIPARACIÓN DA VIOLENCIA DE HOME A MULLER COA DE MULLER A HOME

"Gustaríame preguntarlle, se estivo máis de 20 anos á fronte dun organismo encargado de asistir a mulleres cando sofren violencia de xénero, por que cando os procedementos se facilitaron tanto, co pacto de Estado do once do once, polo que xa non era necesaria unha sentenza xudicial para ser considerada vítima de violencia de xénero, por que o número de vítimas non flutúa no tempo, senón que aínda hai un repunte de feminicidios, e segundo parece algunhas persoas din que é polo feito de ser mulleres? Por que non se traducen os recursos que hai en datos?", preguntou.

Ao que a avogada respostou respectuosamente: "Antes, cando eu comecei, non había case recursos ao alcance das mulleres, agora, 22 anos despois, hai moitos máis e máis competentes. Cando non tes recursos os casos saen moi pouco, porque permanecen ocultos, pero canto tes a moitas máis persoas formadas e pos recursos a disposición sae un volume de maltrato que é o que verdadeiramente hai".

Roma Gallardo a isto resposta en YouTube cun comentario sobre un fondo negro: "Falso. Segundo ela, hai máis casos porque hai máis ferramentas para visibilizar a violencia á muller. Sen embargo, os maltratos de muller a home creceron nunha media similar, mais estes non teñen ningunha forma nova de visibilizarse ou tratarse... Ata logo". De novo unha 'perliña' máis na que equipara os casos de violencia que poida haber de muller a home cos numerosos que se dan de home a muller. Sobre todo sabendo que os datos non son reais, pois hai moitas mulleres que por medo non chegan a dar o paso de denunciar.

OPINIÓNS DE ESTUDANTES PARA REAFIRMARSE

Posteriormente, durante a charla, tamén resposta á poñente, cando fala de sentenzas que analizan os casos ocorridos, que "para acreditar a condición de vítima non fai falla que haxa sentenza". Volvendo ao seu discurso de que alguen debería comprobar que o móbil para cometer unha agresión é o xénero.

A avogada ponse tan nerviosa que para saír do paso só alcanza a respostar: "Así o di a lei". E iso é usado despois no vídeo por Roma Gallardo como símbolo de vitoria, de que tiña razón, pois a resposta é desacertada, pero hai que ver que se produce nun momento de tensión no que a poñente está tan incómoda que non sabe por onde saír.

Por se isto fose pouco, para reafirmar a súa vitoria amosa ao final do seu vídeo as opinións de tres estudantes sobre o tema, coincidentes en que a resposta estivo desacertada, e que din que foron á charla porque formaba parte dunha tarefa para a clase ou porque lle subían nota por iso, como deixando entender que non era un tema que interesase a ninguén.

Todo un exemplo de condutas nocivas que son as que fan dano a todas esas mulleres que están sendo vítimas de violencia de xénero e que parece que teñen que xustificarse unha e outra vez para que as crean. A iso volvemos?

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 Roiii

Roma Gallardo "volve a liala"??????????. Se non sodes capaces de ver o repaso que lle pegou Roma e Rubén á avogada tedes un problema. Ata os estudantes posteriormente entrevistados mostran un nivel intelectual superior a ela. Roma non xustifica EN NINGÚN MOMENTO as agresións. Defende que nos casos de violecia de xénero non se demostra nunca que o móbil do delito sexa única e exclusivamente por ser muller, polo que a lei de violencia de xénero é unha lei absurda.

1 pino

Xustificar unha agresión non é máis que certificar a inconpetencia para enfrontarse os problemas con habilidades sociais.