"Arte e ciencia" conflúen nunha exposición de fotografía astronómica documentada, no Alto Claustro de Fonseca

Este xoves tivo lugar o acto de presentación no que participou un dos fotógrafos, Francisco Javier Cendán

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 01/12/2022 | Actualizada ás 18:56

Comparte esta noticia

A exposición promovida polo Observatorio Astronómico Universitario María Aller (Oarma) 'Xoias do Ceo', que reúne fotografías astronómicas do sistema solar e o ceo profundo realizadas por Francisco Javier Cendán e Salvador Ortega, foi presentada este xoves no Claustro Alto do Colexio de Fonseca, lugar onde estará aberta ao público ata o 20 de xaneiro.

Esta exposición consiste en 38 fotos astronómicas, 31 de Francisco Javier Cendán e sete de Salvador Ortega, en alta resolución que se atopan repartidas no claustro do Pazo acompañadas dunha breve explicación didáctica. Na exhibición hai tamén un póster onde se explican as orixes da fotografía astronómica e outro no que se detallan as técnicas que usaron os expertos para tomar estas imaxes.

O primeiro en intervir durante o acto foi o presidente do Oarma, José Ángel Docobo que describe este traballo como un "claro exemplo de colaboración da astronomía profesional coa amateur". Destaca a existencia de lugares escuros na Terra desde onde se poden obter fotos de gran calidade, como as que se poden observar nesta "bonita exposición".

O profesor, a parte de describir brevemente o funcionamento da exposición, agradeceu aos patrocinadores a súa "aposta polo talento novo", representado na figura do fotógrafo artístico Francisco Javier Cendán 'Fran'.

O acto tamén contou coa participación institucional da vicerreitora de Estudantes e Cultura, Pilar Murias, e do director xeral de Política Lingüística, Valentín García Gómez, así como da decana da facultade de Matemáticas Elena Vázquez.

"MOITO FRÍO E NOITES SEN DURMIR"

O gran protagonista da presentación foi Fran Javier. O autor de 31 das fotografías conseguiu, con "un gran sacrificio", tomar imaxes de estrelas e cúmulos estelares, así como de nebulosas pertencentes á Vía Láctea. Estas inclúen unha vista parcial da nosa galaxia ademais de captar imaxes doutro cinco galaxias diferentes.

O fotógrafo mostrouse emocionado e moi agradecido á súa esposa durante a súa intervención, na que admitiu que foi ela quen se puxo en contacto co presidente de Oarma para dar saída en forma de exposición a un traballo artístico que "empezou como un hobbie".

Un traballo realizado grazas a "numerosas noites sen durmir e pasando frío nas montañas". Todo o que fose necesario para fotografar estes astros, coa incerteza de non coñecer as condicións climáticas de cada noite en vela, que debían ser favorables para poder ter unha visión limpa do ceo. Ao ser preguntado polo capítulo da exposición que máis destacaría, Francisco sinala con orgullo a fotografía tomada do "soado" cometa Leonard.

O novo fotógrafo detallou a Europa Press como as baixas temperaturas e as nubes estaban a ser esa xornada de decembro unha "gran dificultade" para tomar esta fotografía. "Terminamos eu e un colega nunha montaña de Badaxoz con dous telescopios morréndonos de frío esperando o momento exacto para sacala", comenta.

Como esta anécdota ten unha para cada imaxe plasmada en 'Xoias do ceo'. Un proxecto que, a pesar da idea inicial de completalo en solitario, conta coa axuda de Salvador Ortega, que achega sete imaxes capturadas do sistema solar. Os habitantes e turistas de Santiago de Compostela terán ata o próximo 20 de xaneiro para visitar esta exposición na que "conflúen a arte e a ciencia".

O presidente de Oarma, José Ángel Docobo, durante o seu intevención, acompañado do resto de protagonistas da presentación de 'Xoias do Ceo'
O presidente de Oarma, José Ángel Docobo, durante o seu intevención, acompañado do resto de protagonistas da presentación de 'Xoias do Ceo' | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta