O PPdeG forza a que o Parlamento pida ao Goberno que non derrogue o delito de sedición

A oposición vota en contra da PNL porque cre que a reforma vai "en liña con países da UE" e acaba cun "anacronismo antidemocrático".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 02/12/2022 | Actualizada ás 13:32

Comparte esta noticia

O Parlamento de Galicia instou á Xunta, cos votos a favor do PP e en contra da oposición, a demandar ao Goberno central que non leve a cabo ningunha modificación do Código Penal que supoña "derrogar o delito de sedición".

A proposición non de lei (PNL), levada á Cámara polos populares galegos, apunta a que, "de levarse a cabo esta reforma", o Goberno "estaría a participar activamente no descrédito e no menoscabo de dúas institucións fundamentais do Estado, como son as Cortes xerais e os tribunais de Xustiza, beneficiando política e xudicialmente a quen no seu día trataron de atentar contra a integridade territorial e a orde constitucional de España".

O portavoz do PP no Parlamento, Pedro Puy, que defendeu esta PNL, asegurou que os populares cren "no Estado de dereito e na democracia" e consideran que a reforma "vai en contra do sistema constitucional". "Entendemos que hai motivos suficientes para que, a través da Cámara, Galicia manifeste a súa opinión contraria a unha reforma que fai máis vulnerable as bases da súa convivencia", xustificou.

Pleno do Parlamento de Galicia. Arquivo.. EUROPA PRESS - Arquivo
Pleno do Parlamento de Galicia. Arquivo.. EUROPA PRESS - Arquivo | Fonte: Europa Press

Ante estas críticas, o portavoz socialista, Luís Álvarez, defendeu que a reforma vai "en liña cos países da Unión Europea" e, a maiores, "créase un novo delito de desorde pública agravado en substitución do delito de sedición", polo que "vai castigar a aqueles que actúen con violencia para alterar a orde pública" e "a pena establécese entre tres e cinco anos de prisión".

Tamén nesta dirección, a encargada de defender a postura do BNG ante esta PNL, Olalla Rodil, indicou que "queda claro" que ao PP en Galicia "cada vez márcanlle máis a axenda desde Madrid" e "cada vez deciden máis na sede en Xénova cales son as iniciativas e debates que teñen que marcar" no Parlamento galego.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta