O PSdeG denuncia "recorte" de profesorado en Bergondo e Educación defende que toma decisións con "informes"

O conselleiro afirma que Galicia conta co sistema "con máis alumnos con necesidades educativas especiais integrados nas súas aulas".

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 02/12/2022 | Actualizada ás 19:52

Comparte esta noticia

A deputada do PSdeG Noelia Otero denunciou que o CPI Cruz de Sar de Bergondo conta este curso con dous profesores menos, un de Educación primaria e outro de Pedagoxía Terapéutica (PT), mentres acolle máis de 350 alumnos, dos cales, "máis de 30 son nenas e nenos con necesidades específicas e especiais". Con todo, a Consellería de Educación negou unha "decisión arbitraria" e defendeu que toma decisións en base a "informes de inspección".

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, comparece no pleno do Parlamento de Galicia
O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, comparece no pleno do Parlamento de Galicia | Fonte: Xunta de Galicia.

Nunha pregunta oral no Parlamento de Galicia, a deputada socialista afirmou que o equipo directivo do centro "solicitou con tempo" este profesorado, pero "a Consellería non respondeu a estas necesidades".

Na súa intervención, o conselleiro de Educación, Román Rodríguez, defendeu que o seu departamento non pode tomar decisións "a treo" e reivindicou que Galicia "pode estar orgullosa" por ser "o sistema que ten máis alumnos con necesidades educativas especiais integrados nas súas aulas".

"As decisións non son arbitrarias. Eu respecto os posicionamentos da alcaldesa, pero a Consellería toma as decisións en base aos informes de inspección", insistiu.

A pesar desta xustificación, Noelia Otero expuxo que o departamento de orientación do centro coruñés "considerou imprescindible solicitar un segundo profesor de PT", pero, segundo reiterou, "en lugar de atender estas necesidades, a Consellería non contestou ata comezado o mes de setembro e fíxoo negando este especialista e recortando o de Audición e Linguaxe (Ao)/Ao) e prescindindo dun profesor de Primaria".

Así, Román Rodríguez insistiu en que os informes de inspección "din que o profesorado existente é suficiente" e, tras detallar o profesorado dispoñible no centro, asegurou que "se organizan para dar o mellor servizo que se pode, pero en ningún caso se pode pensar que é unha decisión arbitraria".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta