Andalucía, Valencia e Galicia, as autonomías con máis corrupción política; o PP, o partido con máis casos

Estas tres comunidades autónomas suman case a metade de casos de imputación durante as últimas dúas décadas. Ourense é a segunda provincia con máis causas por 100.000 habitantes.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 08/12/2022 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Andalucía, Comunidade Valenciana e Galicia son, por esta orde, as comunidades autónomas con máis casos de corrupción política denunciados nas últimas dúas décadas. Entre as tres suman practicamente a metade das causas (o 48,7%) no Estado español entre os anos 2000 e 2020. Con todo, se se mide a taxa de corrupción por 100.000 habitantes, Melilla sitúase coa maior incidencia acumulada, seguida de Illas Baleares e Cantabria, mentres que por provincias, as maiores taxas de corrupción por 100.000 habitantes danse en Baleares e, en segundo lugar, en Ourense.

Pablo Crespo e Francisco Correa no xuízo da Gürtel
Pablo Crespo e Francisco Correa no xuízo da Gürtel | Fonte: Europa Press.

O Partido Popular concentra o 40,5% dos procedementos por corrupción, mentres que o PSOE suma o 38,3%

Son datos dunha investigación realizada por José Abreu, economista da Universidad de Las Palmas de Gran Canaria (ULPGC), na que se mostra que, durante 20 anos, en España desveláronse en prensa, e acabaron en imputación, 3.743 casos de corrupción no período 2000-2020. Por formacións políticas, o Partido Popular (PP) concentra o 40,5% dos procedementos, mentres que o Partido Socialista Obrero Español (PSOE) suma o 38,3%. Ambos representan conxuntamente o 75,8% dos casos de corrupción política en España.

Os datos, que forman parte da tese doutoral que está realizando Abreu, e que veñen de ser en parte adiantados nun traballo publicado polo Institut de Recerca en Economia Aplicada (IREA) da Universitat de Barcelona, son de gran valor para coñecer a situación real da corrupción política no Estado xa que, como explica, “non existen estatísticas oficiais sobre cantos casos de corrupción política existiron en España”.

De feito, lamentan que “aínda que desde 2017 o Consello Xeral do Poder Xudicial (CGPX) proporciona un repositorio de datos sobre procesados por corrupción pública, tanto administrativa como política, por territorios, órgano xudicial e tipo de procedemento, non distingue que casos son considerados como corrupción administrativa e cales son de corrupción política; e, ademais, só ten en conta aquelas causas «con auto de apertura de xuízo oral ou de procesamento, os condenados por sentenza firme e a poboación recluída por este tipo de delitos»”, explican.

Ante esta carencia de información precisa e detallada sobre casos de corrupción política en España, Abreu creou unha base de datos que recolle información sobre casos desvelados na prensa no período 2000-2020 (incluíndo pezas separadas nos procesos abertos), empregando para isto dúas hemerotecas dixitais: MyNews y Factiva.

"O número de casos recollidos sinala a infravaloración do tamaño da corrupción política que houbo en España durante o século XXI”

A idea era dar unha resposta máis axustada á realidade a estas preguntas: Cantos casos de corrupción política houbo realmente nas dúas últimas décadas en España? Quen os comete? Que tipoloxía teñen? Como se distribúen xeograficamente?

Hai que ter en conta que non se trata só de casos de xuízos con sentenza de culpabilidade, senón do conxunto de casos denunciados con cobertura mediática, sendo a prensa unha fonte fundamental para coñecer a magnitude da corrupción política no Estado.

“É certo que o número de casos é elevado (3.743 procedementos), pero é necesario destacar que moitas das causas abertas teñen unha motivación política para prexudicar o rival e finalmente son arquivadas por non atoparse indicios delituosos”, comenta Abreu, quen engade: “A oposición ten incentivos a denunciar actuacións presuntamente ilegais do incumbinte para obter un rédito electoral e porque a priori non lles carrexa ningún custo político. Con todo, contabilízanse porque o obxectivo do estudo é recompilar todos os posibles casos de corrupción”, xustifica.

MÁIS CORRUPCIÓN DA QUE SE PENSABA

Abreu identificou na prensa e localizou xeograficamente 3.743 casos de corrupción política denunciados en todo o Estado. Para a inclusión dos casos na base de datos seguíronse catro criterios O primeiro, que poida ser considerado un caso de corrupción cuxos feitos se circunscriban ao ámbito político (non se incluíron casos de corrupción funcionarial, agás nos que estaban implicados cargos de libre designación) e tampouco xudicial, empresarial ou privada. En segundo lugar, que a cobertura mediática do caso se producise use a partir do ano 2000 e ata 2020. Outro criterio foi que polo menos un dos implicados fose chamado a declarar en calidade de investigado (anteriormente denominado imputado) polo órgano xurisdicional penal competente. E, por último, que polo menos un dos procesados fose un cargo público representativo, alto cargo, cargo de confianza e/ou asesoramento especial, que ocupase un posto de libre designación, que fose nomeado conselleiro dunha caixa de aforros, que fose militante dun partido político ou xerente dunha empresa pública.

No ano 2014 desvelouse o maior número de casos de corrupción, con 324 causas. Tamén foi o ano con máis imputacións, con 343

O número final resultante (3.743 casos de corrupción política denunciados) foi moito maior do que se documentara até agora, concretamente, catro veces máis, xa que o número de casos de corrupción política recollidos en estudos previos “alcanza os pouco máis de 800 casos, na máis completa das revisións”, explica Abreu.

“En comparación con outros traballos, e independentemente do criterio e o período temporal utilizado, o número de casos de corrupción política aquí recollidos é substancialmente maior, o que sinala a infravaloración do tamaño da corrupción política que houbo en España durante o século XXI”, advirte Abreu.

Así, a base de datos conta cun total de 3.743 casos de corrupción política en España, en todos os niveis de goberno, seguindo os criterios de procura e recompilación aplicados por Abreu. “Esta cifra máis que cuadriplica a maior das estimacións dispoñible ata o momento (polo menos que coñezamos) e, ademais, debe destacarse que este número de casos é un límite inferior, dado que pode haber outros illados en pequenos municipios que non tivesen cobertura mediática e, por tanto, non puidésemos localizar”, apuntan.

Esta cifra significa que se informou na prensa un caso de corrupción política cada dous días, aproximadamente.

Un dos datos máis salientables desta investigación é que os casos reportados de corrupción política se dispararon durante a crise económica en España, entre 2008 e 2014, no marco da gran recesión mundial derivada da crise financeira. Aínda que, como explica Abreu, “os casos experimentan un ascenso progresivo desde comezos de século ata os anos 2006 e 2007, momento no que se producen intervencións significativas contra a corrupción urbanística, entre outro tipo de actuación”, no ano 2009 “as causas reveladas aumentaron un 33% en relación co ano anterior, destacando as operacións Arcos, Molinos, Unión, Espada (caso Palma Arena), Rei e Gürtel”.

Andalucía é a comunidade con máis casos, con 1.028 causas (o 27,5% do total no Estado), seguida da Comunidade Valenciana, con 455 casos (12,2%) e Galicia, con 338 (9%)

No ano 2014 desvelouse o maior número de casos de corrupción, con 324 causas. Tamén foi o ano con máis imputacións, con 343. O procedemento máis destacado ese ano foi a operación Púnica, en Madrid, como sinala Abreu.

O período 2009-2015 reúne o maior número de casos de corrupción revelados, en total, 1.871 causas (case o 50% do total entre 2000 e 2020). Por outra banda, as imputacións aumentaron entre os anos 2006-2009 e o trienio 2013-2015. “Isto non implica necesariamente que haxa máis corrupción nestas etapas, senón que se articularon máis mecanismos para combatela”, apunta Abreu.

CASOS POR COMUNIDADES AUTÓNOMAS, PROVINCIAS E CONCELLOS

Andalucía é a comunidade autónoma que, con diferenza, presenta máis procedementos de corrupción política en dúas décadas, con 1.028 causas (o 27,5% do total no Estado), seguida da Comunidade Valenciana, con 455 casos (12,2%) e Galicia, con 338 (9%). Estas tres autonomías representan conxuntamente prácticamente a metade dos casos de corrupción da base de datos elaborado por Abreu (o 48,7% do total).

Coa idea de establecer unha comparativa entre as distintas autonomías e non penalizar as de maior tamaño, tamén se calculou a taxa de corrupción por 100.000 habitantes. Neste caso, Melilla sitúase coa maior incidencia acumulada en todo o período, con 24,1 casos por cada 100.000 habitantes. Séguenlle Illas Baleares e Cantabria con practicamente 18 e 14,4 casos por 100.000 habitantes, respectivamente.

Baleares, con case 18 casos por 100.000 habitantes, é a provincia con maior taxa de corrupción política, seguida de Ourense, con 16 casos por 100.000 habitantes

Ao poñer o foco sobre as provincias, observouse que Málaga é o territorio con máis casos de corrupción informados, con 258 (6,9% do total). Isto, segundo Abreu, é “debido, entre outras cousas, ao Concello de Marbella, que é a entidade local con maior número de procedementos na base de datos, con 61”. Séguenlle Alicante, con 197 casos (5,3% do total) e Sevilla, con 173 (4,6%).

En canto á incidencia por provincias, Baleares, con case 18 casos por 100.000 habitantes, é a máis afectada pola corrupción. En segundo lugar, está Ourense, con aproximadamente 16 casos, e León é a terceira provincia con maior taxa, con 15,3 casos.

No resto de provincias galegas, a segunda con maior taxa de corrupción política, con 14,6 casos por 100.000 habitantes é Lugo, que se sitúa só por detrás de Baleares, Ourense, Zamora e Málaga. Mentres, na Coruña é de 9,8 casos por 100.000 habitantes e na de Pontevedra, de 9,4.

Precisamente, a Deputación de Ourense, dirixida por José Manuel Baltar Blanco (PPdeG) desde 2012, é unha máquina de entregas de diñeiro a empresas elixidas a dedo, sen concurso público, un síntoma de posible corrupción. Das catro deputacións galegas, é a que “presenta a maior cota de contratos menores” nos últimos anos, disparándose aínda máis coa pandemia de covid-19. Segundo datos recollidos e analizados por economistas das universidades de Santiago de Compostela, Salamanca e Minho (Portugal), os contratos menores concedidos polo Goberno de Baltar aumentaron o seu peso relativo coa pandemia, supoñendo nada menos que un 10,53 % do gasto provincial en 2020, mentres que tendeu a diminuír no resto de deputacións.

Con todo, aínda que o peso relativo dos contratos menores respecto ao gasto total só aumento na Deputación ourensán, o número destes contratos e as contías adxudicadas durante a crise da covid-19 aumentaron tamén na Deputación de Lugo, gobernada polo socialista José Tomé. Estas dúas son, precisamente, “as deputacións que máis utilizaban este procedemento antes da pandemia”, clarifican os economistas.

“As deputacións, que tradicionalmente destinaron máis recursos a través de contratos menores (Ourense e Lugo), aumentaron o uso deste tipo de contratación pública coa pandemia de covid-19. E presentan un maior risco de corrupción, como sinalan os distintos indicadores de concentración. Os contratos menores de obra pública foron sobreutilizados pola Deputación de Ourense durante 2020. Ademais, aumentou o número de contratos xusto nos limiares, ademais de concentrarse nuns poucos provedores e mesmo nun mesmo contratista en varias ocasións”, resumen estes investigadores.

Volvendo á investigación de Abreu, no nivel local, 1.498 dos 8.131 municipios de España (incluíndo Ceuta e Melilla), é dicir, o 18,4%, rexistraron polo menos un caso de corrupción entre os anos 2000 e 2020.

O 85,2% dos casos de corrupción política no Estado teñen lugar no nivel municipal, un total de 3.188 procedementos

De feito, segundo os datos que manexa Abreu, o 85,2% dos casos de corrupción no Estado teñen lugar no nivel municipal (3.188 procedementos), é dicir, son causas que involucran a cargos públicos municipais (alcaldes, concelleiros, etc.) e os feitos circunscríbense ao ámbito local.

Coincidindo co número total de casos de corrupción por comunidades autónomas, os territorios con máis causas de corrupción local son Andalucía con 917 (28,8%), Comunidade Valenciana con 392 (12,3%), Galicia con 296 (9,3%) e Canarias con 232 (7,3%).

Sen contabilizar Ceuta e Melilla, Canarias é a comunidade con maior proporción de municipios implicados nalgún caso de corrupción, co 69,3% (61 de 88 municipios). Séguenlle a Rexión de Murcia, co 68,9% (31 de 45) e Illas Baleares, co 52,2% (35 de 67).

Por provincias, As Palmas tivo máis do 80% das súas localidades con causas de corrupción (28 de 34 concellos). Outras provincias lideran a clasificación con valores entre o 70 e o 60 por cento. É o caso de Murcia, co 68,9% de municipios zarrapicados pola corrupción, Pontevedra co 65,6% (40 de 61) ou Cádiz co 64,4% (29 de 45.

Tamén se revelaron casos de corrupción nas deputacións provinciais e forais e outros entes supramunicipais (como, mancomunidades), insulares (consellos e cabidos), autonómicos e a nivel estatal. Como explica Abreu, “estes procedementos afectan a altos cargos destes organismos (presidentes, conselleiros, deputados, senadores, xerentes de empresas públicas supramunicipais, etc.)”. A corrupción provincial representa o 3,4% do total e casos (127 causas), a insular o 1,1% (40), a autonómica o 9,1% (339) e a estatal o 0,5 por cento.

“Hai que destacar que en todas as comunidades tivo lugar polo menos un caso de corrupción rexional”, apunta o investigador, que sinala a Junta de Andalucía como o goberno máis afectado, con 84 causas (o 24,8%), ao que seguen o Govern das Illas Baleares no segundo lugar con 66 casos (o 19,5%) e a Generalitat da Comunidade Valenciana, terceira, con 41 procedementos (12,1%).

Por último, 20 casos de corrupción (o 0,5%) foron clasificados a nivel estatal. Pero “non necesariamente deben ter a un cargo do Goberno central implicado, senón que a súa importancia transcenda o resto dos niveis considerados”, matiza Abreu, quen sinala como exemplos “as pezas do caso Gürtel sobre a primeira época e AENA, os papeis de Bárcenas, as tarxetas black, Bankia ou o caso Neurona, entre outros”.

TIPO DE DELITO E CONDENA

Os casos recompilados no período 2000-2020 poden seguir abertos, decretarse o sobresemento libre e arquivo ou abrirse un xuízo oral (acusación) no que se ditará sentenza absolutoria ou condenatoria dos implicados.

A 31 de decembro de 2020, en todo o territorio do Estado, 1.129 causas (o 30,16%) permanecían abertas, segundo datos recollidos por este investigador. Entre os procedementos abertos, distingue aqueles nos que existía unha acusación formal e estaban á espera de xuízo, un total de 226 casos (6,04%). Mentres, preto dun terzo dos procedementos por corrupción foron arquivados (1.270) e un 35,9% chegou a xuízo. En relación con estes últimos, no 15,7% dos procedementos (588) procedeuse á absolución dos acusados, en tanto que o restante 20,2% (756) terminou coa condena de polo menos un dos implicados no caso de corrupción.

O 32,3% das causas están relacionadas coa corrupción urbanística; en segundo lugar atópanse os delitos de malversación de fondos públicos (20,7%)

Por tanto, como indica Abreu, “condénase un 28,6% máis en comparación coas absolucións”.

Con todo, o investigador explica que, “malia a cantidade de casos abertos (que se presume, algúns serán arquivados), un indicador máis robusto e realista do número de casos de corrupción política englobaría as causas con apertura de xuízo oral ou de procesamento (226), como considera o CGPJ, así como aquelas con sentenza condenatoria (756) ou absolutoria (588): un total de 1.570 casos de corrupción política aplicando ese criterio máis restritivo, menos da metade dos inicialmente considerados” neste estudo.

Finalmente, por tipo de sentenza, as penas recollidas nos casos de corrupción xulgados foron prisión, inhabilitación ou multa; penas que poden aplicarse simultaneamente nunha mesma causa. Abreu destaca que en 677 dos casos con condena (o 89,6%) a sentenza foi firme, mentres que os restantes 79 (10,4%) estaban á espera. Así, dos 756 procedementos con condena, en 389 (o 51,5%) houbo penas de prisión. Pola súa banda, a inhabilitación é o tipo de sanción máis empregado polos tribunais, xa que é aplicada no 87,4% dos casos. Tamén se inclúen multas no 49,5% dos casos.

Por comunidades autónomas, Andalucía é a que máis condenas suma, un total de 247, seguida das Illas Baleares, con 80 condenas, e Canarias e Comunidade Valenciana, con 62 cada unha. Neste apartado, Galicia ocupa o sétimo posto, con 37 condenas, das cales 16 implicaron prisión, 36 inhabilitación e 12 multas.

Por tipos de delito, un terzo (32,3%) de causas están relacionadas coa corrupción urbanística, especialmente nos gobernos locais. En segundo lugar, atópanse os delitos de malversación de fondos públicos (20,7%). A manipulación de licitacións públicas, xa sexa mediante o amaño directo da poxa ou o fraccionamento de contratos, representa o 15,9% dos casos.

CASOS DE CORRUPCIÓN POR PARTIDO POLÍTICO

Por formacións políticas, o Partido Popular (PP) é o que estaba implicado en máis causas de corrupción entre os anos 2000 e 2020, participando no 40,5% dos procedementos recompilados. Séguelle o PSOE, implicado no 38,3% dos casos.

Tendo ademais en conta que ambos os partidos interviñeron de maneira conxunta en 111 casos (aproximadamente o 3% do total), PP e PSOE tiveron algún cargo implicado no 75,8% das causas. Para Abreu, “é un resultado lóxico xa que ambas as formacións acaparaban a maioría das alcaldías, deputacións e gobernos autonómicos no período de estudo.

Izquierda Unida (IU) ocupa o terceiro lugar nesta clasificación de corrupción, con acusados no 4,1% dos casos, seguida da extinta Convergència i Uniu (CiU), que aparece no 3,6% das causas.

O PP é o partido implicado en máis causas de ámbito estatal, ademais de en Castela e León, Madrid, Valencia Galicia, Baleares, A Rioxa, Murcia, Ceuta e Melilla

Por comunidades autónomas, o PP é o partido político implicado en máis casos de corrupción en 7 das 17 autonomías (Castela e León, Comunidade de Madrid, Comunidade Valenciana, Galicia, Illas Baleares, A Rioxa e Rexión de Murcia), é dicir, o 41,2% (ademais de Ceuta e Melilla). Tamén as causas de ámbito estatal teñen o PP como formación con máis procedementos (80%).

O PSOE lidera esta estatística en cinco comunidades (Andalucía, Aragón, Castela-A Mancha, Estremadura e Principado de Asturias).

Noutros cinco territorios, os partidos nacionalistas ou rexionais predominantes ocupan o primeiro lugar: Canarias (CC), Cantabria (PRC), Cataluña (CiU), a Comunidade Foral de Navarra (UPN) e o País Vasco (PNV).

No caso do Bloque Nacionalista Galego, os casos nos que estivo implicado supoñen o 0,9% do total de procedementos identificados por Abreu no Estado.

Por tipo de causas que cada partido tiña abertas, arquivadas, á espera de xuízo (acusación) ou que remataron en sentenza condenatoria ou absolutoria, en relación cos seus casos de corrupción, o PSOE e o PP tiñan o 31,8% e o 29,9% das súas causas sen pechar, respectivamente. En canto aos casos arquivados, Més per Mallorca (MÉS), co 70%, Podemos (60%) e Bildu (60%) son as formacións con máis casos pechados. O PP ten o 37,1% das súas causas arquivadas, en tanto que no PSOE a cifra é do 35,2%. BLOC é o partido con maior proporción de absolucións (50%), seguido do PAR (34,6%) e o PA (27,9%).

Con respecto aos dous partidos máis importantes en termos de cota de voto, os implicados do PP foron absoltos no 16,6% das súas causas, mentres que os do PSOE no 15,4%. Mentres, cargos do PSOE son condenados no 17,6% dos seus casos, en tanto que no PP trátase do 16,4%.

Ademais, membros ou cargos do PP foron chamados a declarar como investigados en 714 localidades en causas de corrupción local. A maior parte de municipios neste caso concéntranse en Andalucía (17,5%), Comunidade Valenciana (17,1%) e Galicia (14%). Pola súa banda, o PSOE presenta casos de corrupción en 730 municipios, localizados na súa maioría en Andalucía (31,4% das 730 localidades), Cataluña e a Comunidade Valenciana (ambas as co 10,3%). En 231 municipios hai casos de corrupción de ambas as formacións, de maneira que “o total de localidades onde PP e PSOE levaron a cabo prácticas corruptas xa sexa de maneira conxunta ou separada, ascende a 1.213 das 1.498 da base, é dicir, practicamente o 81%”, apunta Abreu.

Mentres, nos restantes 285 municipios a corrupción foi perpetrada soamente por formacións rexionais ou de carácter local.

A formación política con máis castigos é o GIL, xa que o 63,9% das súas causas remataron en condena.

En canto ao número de partidos implicados nunha mesma causa de corrupción, en practicamente o 90% dos procedementos só participa unha formación política, “un feito que resume o comportamento individualista da corrupción: os partidos levan a cabo a corrupción en solitario”, sentenza Abreu.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta