A Deputación de Pontevedra dotará de caldeiras de biomasa a edificios municipais de seis concellos

Conta cun orzamento de máis de 450.000 euros

Por E.P. | VIGO | 08/12/2022 | Actualizada ás 13:44

Comparte esta noticia

A Deputación de Pontevedra aprobou os proxectos de renovación de instalacións para uso térmico en infraestruturas municipais de Cangas, Portas, Redondela, Tomiño, Vilaboa e A Cañiza, de forma que este seis concellos poderán substituír o sistema que empregan na actualidade por caldeiras de biomasa.

Tal como indicou o ente provincial nun comunicado, este proxecto, dotado cun orzamento de máis de 450.000 euros, permitirá reducir a demanda enerxética, o consumo e as emisións de dióxido de carbono (CO2).

Neste sentido, a presidenta da Deputación, Carmela Silva, subliñou que esta iniciativa é de "gran relevancia" para loitar contra a emerxencia climática e enerxética actual. Ademais, indicou que o 80% do orzamento achégao o Instituto para a Diversificación e o Aforro de Enerxía.

MODELO FORESTAL

Por outra banda, a Deputación de Pontevedra tamén informou de que o vindeiro luns, 12 de decembro, celebrará o primeiro Congreso sobre Prevención, Modelo Forestal e Usos do Chan, unha actividade que se enmarca dentro das accións do proxecto Interlumes de defensa contra incendios forestais na fronteira Hispano-Lusa, financiado ao 75% por fondos europeos FEDER a través da 4ª convocatoria do Programa de Cooperación Interreg V a España-Portugal 2024-2020. A administración provincial é un dos socios deste programa, no que están presentes outras entidades galegas, castelán-leoneas, estremeñas ou portuguesas.

No congreso, moderado pola coordinadora do proxecto, María Honorina, exporanse as experiencias de expertos de todo o territorio nacional, que compartirán información sobre accións levadas a cabo no ámbito de Interlumes.

A Deputación lembrou que as actuacións incluídas nesta iniciativa buscar dar resposta ás fraxilidades territoriais que afectan o espazo trasfronterizo e que son resultado da súa elevada exposición a riscos naturais como incendios forestais, inundacións ou erosións e que, en ocasións, son agravados pola acción do ser humano.

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva | Fonte: Rafa Estévez

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta