Por Galicia Confidencial | Vigo | 17/11/2014 | Actualizada ás 17:53
A dirección de PSA Vigo acaba de dividir aos traballadores da súa planta en Vigo. A aprobación da súa proposta definitiva de axustes salariais co único apoio do Sindicato Independiente de Trabajadores (SIT), sindicato maioritario na empresa, puxo en pe de guerra ao resto de entidades sindicais.
CCOO, CIG, UXT e CUT, que votaron en contra, anunciaron que se reunirán próximamente para deliberar se realizarán algún tipo de mobilización nas semanas próximas. Estas entidades son contrarias á proposta definitiva presentada pola dirección da planta viguesa. O novo convenio inclúe unha actualización salarial ligada ao IPC real os dous primeiros anos, a partir dun incremento do 1,5% e até un máximo do 3%, e que de 2017 a 2019 estaría vinculada ao abonado pola prima de obxectivos, que mantén.
Con todo, só habería incremento salarial se a variación interanual do IPC a 31 de decembro chega ou supera o 1,5%, até un máximo do 3%, co que o tope da revisión no próximos catro anos sería do 1,5%.
Os sindicatos que se opoñen ao convenio tamén critican a nova prima de obxectivos que representará un máximo do 1,5% do salario bruto anual, uns 200 euros de media, pero só se se cumpren na súa totalidade os obxectivos contemplados na mesma: calidade, absentismo, índice de sinistralidade e custos. Tamén denuncian que a empresa queira suprimir o complemento de presenza -uns 500 euros anuais-.
O sindicato CUT trasladou que nas próximas horas reunirase co resto de seccións sindicais opostas a este plan de axustes, vinculado á adxudicación das furgonetas K9, para "buscar unha alianza" que permita iniciar a pertinente "impugnación do acordo", non refugando incluso a convocatoria dunha folga.
Pola súa banda, a Xunta deu o seu visto e prace ao novo convenio. O conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, celebrou o acordo alcanzado entre o sindicato maioritario e a dirección de PSA Peugeot Citröen Vigo, por constituír un "esforzo colectivo" para desenvolver novos proxectos industriais en Vigo.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.