Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 12/12/2022 | Actualizada ás 11:29
A federación nacional de confrarías de pescadores rexeita a prohibición de pesca de xurelo que expón Europa e considera que con isto "chove sobre mollado" tras o veto á frota de fondo.
O presidente da federación e patrón maior de Burela, Basilio Otero, recoñece que hai "preocupación" e intúe que "haberá un problema grande" en caso de chegar a materializarse a prohibición. Con todo, Otero confía en que "poidan dar unha cota de xurelo, aínda que sexa pesca accesoria, e non se prohiba, porque sería moi prexudicial para o arrastre, para as artes menores e para as artes fixas".
De producirse, avisa, sería "custoso para o cerco, porque é unha das principais especies que captura", pero xa anticipa que a medida "afecta a todas as embarcacións, salvo as que traballan con marisqueo nas rías". "Calquera embarcación que use arte de malla ou anzol é susceptible de capturar xurelo", explica Basilio Otero, quen advirte do "dano e o custo" que suporía esta decisión.
Por iso, afea ao comisario de Pesca que sexa tan "rudo" nos seus posicionamentos. "Os sindicatos e armadores explicámoslle fai dez días as consecuencias e a resposta do comisario foi que ten unha folla de ruta e ten que cumprila. Impórtalle pouco cales son as consecuencias desa folla de ruta", lamentou.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.