Por Galicia Confidencial | Compostela | 18/11/2014 | Actualizada ás 09:05
Anova non oculta, desde hai días, o seu acercamento a Podemos e a outras plataformas políticas constituídas no Estado. Hai uns días, o co-líder desta formación mantiña encontros con dirixentes de Guanyem, en Barcelona e con Podemos, en Madrid. O propio Xosé Manuel Beiras ten destacado o papel da nova formación que dirixe Pablo Iglesias.
Por iso, o deputado de AGE Antón Sánchez insistiu este luns en que tanto Anova como AGE teñen “coincidencias” con Podemos en determinadas cuestións, pero non aclarou posibles pactos con este grupo político. Tamén dixo que non descarta outras formacións, como o BNG.
“Nós estamos polas frontes amplas, pola unidade das organizacións que queren cambiar este réxime, e niso coincidimos con Podemos e mesmo co BNG", apuntou en declaracións aos medios. Neste sentido, suliñou que, a "efectos prácticos, e "nos próximos meses, a aposta de Anova e de AGE é conformar candidaturas unitarias cidadás de cara ás municipais para gañar nos concellos esa maioría alternativa, e niso estamos centrados. Non hai nada máis concreto que iso", precisou.
"Colaboraremos para que o que pensa a maioría da sociedade, a maioría dos de abaixo, trasladalo ás institucións políticas sen pór por diante os intereses de partido. Como se materializa iso tampouco, está só nas nosas mans", indicou.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.