Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 23/07/2025 | Actualizada ás 13:51
A conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, afirmou que o decreto antiapagamentos que tombou o Congreso co voto en contra de PP, Vox, Podemos, BNG, Junts e CHA buscaba "blanquear temas" como "subvencións nominativas ad hoc a certas comunidades autónomas para seguirse mantendo algúns no poder".
"A nosa crítica foi desde o minuto cero. Se vemos o que se pretendía aprobar e vemos a situación galega, ao final a resposta é que era para blanquear certos temas, entre eles dar subvencións nominativas ad hoc a certas comunidades autónomas para seguirse mantendo algúns no poder. Neste caso eran 2 millóns a Cataluña para o tratamento de xurros", criticou.
Galicia, advertiu, "non pode quedar cos brazos pechados" e "ten que denunciar esta situación". Ademais, a conselleira apuntou a "algo fundamental polo cal expedientaron a España", polo feito de que "non hai unha trasposición" para que "se consideren as enerxías limpas como ben de interese público superior". "Iso segue sen facerse", censurou.
"Hai que ser claros e non podemos aprobar reais decretos cuxo fin sexa apoiar a unhas comunidades e deixar fóra a outras. E sobre todo non ser claros en algo que xa case se nos esquece pero que foi ese apagamento que a día de hoxe non hai responsabilidade absoluta sobre ninguén", concluíu Ángeles Vázquez.
RABECHA SOBRE O LOBO
A conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, acusa o Goberno central de "paralizar absolutamente toda a actividade do Ministerio de Transición Ecolóxica" por "unha rabecha" en relación coa conservación do lobo.
"Esiximos que se convoque a conferencia sectorial porque ía o estudo sexenal do lobo, pero tamén temas como a repartición de fondos para estudos e accións para frear inundacións. Paréceme unha irresponsabilidade terrible que unha rabecha do Goberno central o leve a paralizar absolutamente toda a actividade do Ministerio de Transición Ecolóxica", afirmou, en declaracións aos medios de comunicación este mércores.
Por parte da Xunta, a conselleira comprometeu "seguir sendo transparentes no que a mandas e danos refírese e nas axudas que se están dando".
"O que seguimos é cos axentes vendo como se moven as mandas. Móvense en máis dun 90% do territorio, compartimos con Castela e León e con Portugal... Facilmente poida que haxa máis manadas das do censo anterior, en 2023", expuxo.
En todo caso, "independentemente diso e de seguir actualizando ano a ano", censurou a "falta de apertura terrible dun Goberno que fai caso omiso das comunidades" e "que tivo que retirar o estudo que presentou onde dicía que para un estado favorable do lobo tiña que haber 500 mandas".
Galicia, avisou a conselleira, "non podería soportar un 50% máis de mandas, que é o que está a pedir o Goberno para que o estado do lobo sexa favorable".
MÁIS COMPETENCIAS PARA GALICIA
O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, instou ao Goberno central a chegar a acordos sobre competencias en asuntos "fundamentais" para Galicia. Entre eles, citou as enerxías renovables, a "homologación da dependencia coa discapacidade" ou os "permisos iniciais" para traballadores estranxeiros.
"Non queremos ser máis que ningunha comunidade, pero tampouco queremos ser menos", sentenciou, a preguntas dos xornalistas sobre o pacto asinado entre o Executivo galego e o estatal en relación á Lei de orzamentos. "Demostra que cando hai vontade pódese chegar a acordos", expuxo e recalcou a "disposición total" da Xunta para alcanzalos.
CRÍTICAS DO PPdeG ANTE O DECRETO "ANTIAPAGAMENTOS"
A secretaria xeral do Partido Popular de Galicia, Paula Prado, afirmou que o decreto antiapagamentos foi proposto polo Goberno central "sen negociar con ningún partido", e que, por iso, o presidente "non pode pretender que o Partido Popular o aprobe sen máis". En declaracións aos medios este mércores en Ourense, Prado sinalou, ademais, que "os socios habituais do goberno de España, mesmo Podemos ou Junts, votaron en contra".
O PSdeG CRITICA A PP E BNG
A deputada autonómica Patricia Igrexas e o eurodeputado do PSdeG Nicolás González Casares censuraron este mércores a "irresponsabilidade" do PP e BNG, aos que acusou de "aliarse con Vox" para rexeitar o decreto antiapagones e "pór en risco" a transición enerxética e a industria de Galicia. Nun comunicado, ambos cualificaron de "despropósito" a decisión de populares e nacionalistas e sinalaron que a norma impulsada polo Goberno recollía unha serie de medidas que, ademais, pretendían protexer investimentos en renovables nun momento de incerteza, especialmente no caso de Galicia, onde o desenvolvemento eólico "está encallado xudicialmente porque nin Feijóo nin Rueda foron capaces de solucionar esa situación en 16 anos".
A parlamentaria socialista advertiu que o non dos populares e nacionalistas ao decreto, que permitía "gañar tempo" ante a próxima caducidade de numerosos permisos, "paraliza o potencial eólico" de Galicia. Nese sentido, sinalou que, no conxunto de país, "corren perigo investimentos por valor de 3.000 millóns de euros apra a instalación de 5 gigawatts".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.