Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 24/07/2025 | Actualizada ás 17:34
A CIG anunciou este xoves que impugnará o expediente de regulación de emprego (ERE) en Einsa Print por consideralo fraudulento.
Así o avanzou o sindicato na mesma xornada na que a empresa confirmou a Inspección de Traballo a execución deste despedimento colectivo que afectará a case un centenar de persoas na planta das Pontes, a pesar de non alcanzar un acordo na mesa de negociación que se pechou hai unha semana.
A central nacionalista entende que o ERE "carece de causas obxectivas". A firma, que, segundo a CIG, liquida así a súa actividade no sector das artes gráficas, prevé despedir ata o 8 de agosto a 79 persoas, mentres que os 21 restantes executaranse como moi tarde o 31 de marzo. A maior parte das 100 persoas afectadas (95) traballan na planta das Pontes.
O comité xa anticipara o seu desacordo coas condicións da empresa e négase a que as indemnizacións se liquiden en dous prazos. Os traballadores cren que con este sistema Einsa quere "financiar o cambio de actividade".
O sindicato asegura que deste xeito quere "dar un pelotazo a conta dos terreos que adquiriu a prezo moi vantaxoso e das naves que construíu con substanciosas axudas públicas".
A CIG lembra que non hai "causas sobrevindas" que amparen a presentación dun ERE que é "idéntico" ao que se executou hai 15 meses e rescindiu a 120 traballadores.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.