Gardacostas galegos piden no Congreso ser recoñecidos dentro do réxime de traballadores do mar

Unha representación do colectivo de gardacostas e a responsable do sector de administración da CIG, Zeltia Burgos, sinalaron que Unidas Podemos, "a pesar de expresar o seu apoio á reivindicación" e á aplicación de coeficientes reductores, "advertiu de que o Goberno vetou a emenda por cuestións orzamentarias".

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 13/12/2022 | Actualizada ás 19:09

Comparte esta noticia

Unha representación do colectivo de gardacostas e a responsable do sector de administración da CIG, Zeltia Burgos, reuníronse con representantes dos grupos no Congreso para solicitar o seu apoio e que se modifique a lei que regula a protección social dos traballadores do sector marítimo-pesqueiro.

A central nacionalista promoveu para iso unha emenda, que foi presentada polo BNG, "para que se acolla ao persoal funcionario das escalas de Gardacostas" no réxime especial da Seguridade Social dos traballadores do mar.

Os encontros coincidiron coa celebración do relatorio da lei de pesca sustentable. Segundo explica Burgos, Unidas Podemos, "a pesar de expresar o seu apoio á reivindicación" e á aplicación de coeficientes reductores, "advertiu de que o Goberno vetou a emenda por cuestións orzamentarias".

Como alternativa, segundo a CIG, os 'morados' propuxeron presentar unha proposición non de lei "para buscar unha saída".

Pola súa banda, representantes do PSOE "manifestaron o seu apoio á demanda da central sindical pero non teñen claro se a lei de pesca é a saída a isto e din que hai que tratar con Traballo e Seguridade Social", segundo a responsable de CIG-Autonómica.

"RECUPERAR A EMENDA"

"ERC e EH Bildu manifestaron tamén o seu pleno apoio á emenda" e en concreto os primeiros expoñen "buscar unha fórmula" co Bloque "para recuperar a emenda".

Os segundos, advirte a CIG, "estudan a posibilidade de discutir o veto do Goberno porque non lle cadran os números" e sinalan a "varias vías para que o Goberno, cun informe favorable, poida recuperala".

A CIG denuncia unha situación "esperpéntica" que supón que este persoal "non teña a protección para a súa saúde, como a xubilación anticipada ou a vixilancia médica específica que necesitan polos riscos que para a saúde supón o traballo do mar".

Os barcos de Gardacostas da Xunta proceden a retirar unhas nasas e sancionar ao patrón dun barco de Baixura
Os barcos de Gardacostas da Xunta proceden a retirar unhas nasas e sancionar ao patrón dun barco de Baixura | Fonte: Dario Gómez

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta