Frades franciscanos, alcaldesas de esquerdas ou reclutas forzosos... os protagonistas esquecidos da Guerra Civil

'Los Nadies de la guerra de España' é o novo libro de Francisco Leira, historiador da USC que trata de facer unha homenaxe a esas persoas anónimas que representan a moitas máis e ás súas familias.

Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 21/12/2022 | Actualizada ás 21:57

Comparte esta noticia

As guerras son uns cruentos escenarios nos que ninguén gaña, nin un bando nin o outro, pois en ambos prodúcense numerosas mortes de civís inocentes que, en non poucos casos, se viron obrigados polas autoridades do seu país a loitar nunha contenda que nin lles ía nin lles viña. A Guerra Civil española é un dos mellores exemplos dunha guerra na que miles de soldados eran obrigados a combater para non verse expostos aos fusís.

Mulleres rapadas na Guerra Civil española nun lugar sen identificar
Mulleres rapadas na Guerra Civil española nun lugar sen identificar | Fonte: memoriahistoricacartagena.com

Dese enfrontamento armado, pouco máis aló se recorda dos feitos puramente institucionais e da vitoria do bando franquista. Os nomes dos soldados mortos en combate, dun e doutro bando, non son do interese de ninguén e, sen embargo, son os que mellor representan o que nos podería suceder a calquera de nós, persoas anónimas, nun contexto de guerra.

Por iso, e tamén como unha forma de homenaxe para os seus familiares, o historiador da USC Francisco Leira tráenos unha nova obra: 'Los Nadies de la guerra de España'. Tal e como di o título, 'los nadies' son "todas esas persoas que poden representar a moitas máis, tendo sempre en conta as casuísticas que existen dentro de cada acontecemento histórico", cóntanos.

O nome da obra, tal e como recoñece o seu autor, parte dun poema de Eduardo Galeano, máis afirma que tamén puido ter escollido 'Os ninguén', coma unha forma de honrar a Neira Vilas, polo seu libro 'Memorias dun neno labrego', que á fin e ao cabo basease niso mesmo, nun rapaz de aldea deses que non aparecen na Historia.

"O libro é moi completo, ecléctico e heteroxéneo", explica Leira, pois as memorias que nel se recollen van dende as dun frade franciscano galego que está en Madrid e sofre a represión republicana a raíz do golpe de Estado; ata as da filla de Ricardo Mella, Urania Mella, unha muller moi activa políticamente que participou na Asociación de Mujeres contra el Fascismo y la Guerra, pero á que tan só se semella recordar como filla de Ricardo Mella.

Portada do libro 'Los Nadies de la Guerra de España'
Portada do libro 'Los Nadies de la Guerra de España' | Fonte: Cedida

Entre medias está a historia de María Gómez, a primeira alcaldesa que houbo en Galicia, nun pobo como é A Cañiza. "É un relato moi útil e bonito, porque contradí esa crenza de que os galegos sempre dixemos que si e nunca nos opuxemos ao poder, e non é certo, pois nun pobo como A Cañiza, que non chega aos 3.000 habitantes, unha muller da esquerda republicana foi quen de chegar a alcaldesa durante a Segunda República", apunta o autor.

Tamén se narra a historia dun rapaz ao que obrigan a ir á guerra reclutándoo forzosamente. Dende a fronte cartease coa súa irmá e ela recolle a memoria de todas esas cartas unha vez que el morre no Castelo de Olite. Lamentablemente, o seu corpo nunca foi atopado.

AXUDAR A OUTRAS FAMILIAS A PREGUNTARSE QUE ACONTECEU COS SEUS DEVANCEIROS

"Quero deixar claro que a miña obra non só é un libro sobre pequenas historias de xente pouco ou nada coñecida a nivel do Estado, senón que tamén aborda como recordamos ese pasado", indica Leiro. De feito, en todos os capítulos hai un apartado sobre como a familia de cada un dos protagonistas foi quen de traer ese pasado ao presente e convivir con el, coa súa dureza.

Por exemplo, no caso dous dous irmáns da Coruña, o historiador asegura que se trata dunha historia moi triste, pois unha vez remata a guerra, e tras a súa morte, a pesar de estar no bando dos vencedores, nunca atopan o seu corpo. "O seu pai recorreuse o país de punta a punta para recoller os restos do seu fillo morto e non puido atopalo, así que ao final rematou por coller area nunha botella da zona onde supostamente morrera", conta, engadindo que "esa botella pasou do pai do soldado á nai e despois á filla, á súa irmá, que enterrouse con el".

Esta é unha de tantas historias que aínda na actualidade recordan moitas familias, e que poñen de manifesto que "a Guerra Civil é algo presente na nosa sociedade, algo que debemos entender como tal, pois para esas familias, sexan do bando que sexan, ten unha importancia significativa". Así mesmo, Leiro está seguro de que pode servir para que outras moitas persoas poidan estudiar ou indagar no seu pasado e preguntarse: que lle pasou ao meu avó? Que lle pasou ao meu pai? 

POR QUE SE INVISIBILIZARON NA HISTORIA CERTAS FIGURAS PÚBLICAS?

Entre as historias que se narran no libro, atópase a da primeira alcaldesa galega, unha figura pública que noutro contexto social tería pasado á Historia. Mais, por que non foi así? Por que quedou relegada a un segundo plano? "Déronse unha multiplicidade de motivos", asegura Leiro, que explica que, por un lado, "a represión do réxime fixo que houbese un silencio imposto e autoimposto tanto a nivel social como das familias"; e, por outro, "que logo, na transición cara a democracia, non houbo interese en que ese recordo se trasladase á esfera pública".

Deste xeito, e no caso concreto da alcaldesa da Cañiza, unha vez chegou a democracia si recibiu varias recompensas e premios, pero pola súa labor como enfermeira a partir dos anos 60, non por ser a primeira muller alcaldesa en Galicia, feito que, como subliña o historiador, é moi salientable, pois "rompeu o teito de cristal chegando a un lugar onde as mulleres estaban vetadas: a política".

Que non se lle recoñecese por iso "reflexa máis ou menos o que pasou na sociedade española. Recordouse a guerra? Si, pero non se quixo levar ao plano institucional nin falar dela dende o plano políticosocial, que é o que faría que esa xente acadase un recoñecemento real", conclúe Leiro.

A NARRACIÓN MÁIS EMOTIVA: A DA FILLA DE URANIA MELLA

E aínda que todas as revelacións da súa obra teñen unha parte importante coa que se identifica o propio autor, asegura que o capítulo que máis lle emocionou e que máis bonito e triste á vez lle pareceu foi o adicado a Urania Mella e María Gómez, a alcaldesa. Ambas as dúas se coñeceron nunha cárcere do País Vasco e, ao saír dela decidiron irse a vivir xuntas a Lugo, nos anos corenta.

O motivo radicaba en que de Urania non querían saber nada os familiares do que fora o seu home, así que apenas puido coñecer aos seus fillos e fillas, pois estes quedaran baixo a custodia da familia que sobreviviu do seu home. Nunha transcrición dunha entrevista cunha das fillas, esta recordaba que a única vez que se acordaba da súa nai era tras a súa saída do cárcere.

Encontráronse e Urania preguntoulle: Quéresme? Ao que ela respondeu que non. "Iso era algo que recordaba con tanta forza que empezou logo a investigar a historia da súa nai e mesmo chegou a militar nas asociacións nas que tamén militara a súa nai, porque de certo xeito sentía pena por terlle dito que non a quería á súa nai", explica Leiro.

Así, participou na Asociación de Mujeres Antifascistas, que era o nome que anos máis tarde recibiría a asociación da que foi tesoreira Urania, a Asociación de Mujeres contra el Fascismo y la Guerra. "É unha historia moi triste, ten un recordo da súa nai, pero no que se mesturan verdades, mentiras... Algo que dalgún xeito representa a toda a sociedade galega e ao estado español", conclúe o historiador.

Fusilados republicanos durante a Guerra Civil
Fusilados republicanos durante a Guerra Civil | Fonte: historiayarte.blogsopot.com
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta