Que estrelas e planetas poderás ver no firmamento este Nadal?

Non te perdas a Mercurio nin a marabillosa conxunción Lúa, Saturno, Venus e Xúpiter.

Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 25/12/2022 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

O pasado mércores despedímonos de 89,86 días de outono. Un outono pasado por auga e digno de olvidar para moitos, sen dúbida. A crise de prezos derivada da guerra de Ucrania, as inundacións como consecuencia das fortes chuvias, a eliminación de España do Mundial ou a compra definitiva de Twitter por parte de Elon Musk son só algúns dos episodios destes case catro meses. 

Conxunción de astros
Conxunción de astros | Fonte: Commons

Así, a estación máis fría do ano xa está aquí, frío que polo de agora parece non ter chegado en todo o seu esplendor á nosa terra, para sorpresa de moitos. Mais, aínda que o inverno non sexa a estación favorita de case ninguén, ten as súas cousas boas, como a chegada do Nadal e as vacacións para poder realizar plans que levamos tempo esperando. Entre eles, hoxe propoñémosche un que cada vez está máis de moda: a observación das estrelas. 

Tras ter superado o día máis curto do ano, o pasado mércores, cunha duración de pouco máis de nove horas no hemisferio norte, durante o Solsticio de decembro, as tardes xa comezaron a medrar e pronto o farán tamén as mañás (dende o próximo 7 de xaneiro), así que aproveita cada momento de escuridade.

Vexamos pois que fenómenos astronómicos non te podes perder neste Nadal:

CHOIVA DE ESTRELAS CUADRÁNTIDAS

Na noite do 3 ao 4 de xaneiro vaise producir o pico máximo da choiva de estrelas Cuadrántidas (con radiante preto da Osa Maior), e neste último día tamén pasará a Terra polo perihelio, é dicir, terá a mínima distancia ao Sol (a 147 millóns de quilómetros). As estrelas Cuadrántidas veñen a ser un fenómeno moi similar ao das Perseidas ou bágoas de San Lourenzo, durante os meses de verán. A tasa esperada é dunhas cen á hora, segundo indica José Ángel Docobo, director do observatorio astronómico Ramón María Aller.

MERCURIO PODERASE VER A SIMPLE VISTA

Mercurio vai estar en boas condicións para poder ser observado a simple vista no amencer a finais de xaneiro e comezos de febreiro. Ten mérito porque segundo indica Docobo, "trátase dun planeta moi difícil de apreciar polo corrente a simple vista", así que, "convén avisar á xente sobre o momento no que está máis alonxado do Sol para que o poidan ver nas mellores condicións posibles".

Sempre é recomendable ter pouca luz ao redor para non perder de vista a luminosidade do astro, máis "ao tratarse de planetas non é tan necesario, pois son os obxectos máis brillantes do ceo despois do Sol e da Lúa", explica Docobo, que recomenda, iso si, "buscar no amencer, antes da saída do sol un lugar que teña un horizonte orientado cara o leste".

Mentres tanto, Venus será visible logo do solpor. E os planetas Marte e Xúpiter pódense contemplar durante boa parte da noite deste inverno, mentres que Saturno poderase localizar logo do solpor ata mediados de febreiro, pasando logo ao amencer. 

A CONXUNCIÓN DE LÚA, SATURNO, VENUS E XÚPITER DURARÁ CINCO DÍAS

"Nesta nova estación haberá tamén interesantes conxuncións", continúa o profesor Docobo. Así, entre o 23 e o 27 de xaneiro, a Lúa, Saturno, Venus e mais Xúpiter estarán aliñados logo do solpor.

O 22 de febreiro serán a Lúa, Venus e Xúpiter os que se poñan á vez cara ao suroeste (unha alineación moi parecida ao dos cinco días destacados, pero na que faltará Saturno); e o 2 de marzo, ao comezo da noite, Venus e Xúpiter estarán nunha conxunción pechada.

OBSERVACIÓN DO COMETA C/2022 SEN PRISMÁTICOS

O cometa C/2022 E3 (ZTF) poderá verse con prismáticos xa este mes desprazándose pola constelación da Serpe cara a Coroa Boreal. A súa magnitude actual aínda é baixa, pero a medida que se achegue á Terra vai ir gañando brillo e a finais de xaneiro podería ser observado a simple vista na constelación circumpolar de Camelopardalis, culminando a comezos da noite.

"Estas son as previsións que hai e agardamos que se cumplan", expón o astrónomo, que explica que "será necesario, iso si, estar rodeados dun ceo ben escuros".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta