Por Europa Press / Redacción | PONTEVEDRA | 20/12/2022 | Actualizada ás 17:57
A Deputación de Pontevedra elabora 12 podcast para visibilizar a mulleres referentes a través da iniciativa 'Aquí faltan páxinas', da institución provincial e O Cable Inglés.
Así, os capítulos versarán sobre María Soliña, Elisa Patiño, Olimpia Valencia, Maruja Mallo, Concepción Arenal, Antonina Sanjurjo, María Vinyals, Ernestina Otero, Ángeles Alvariño, Isabel Barreto, Carolina Otero e Sofía Novoa.
Trátase dunha colección de doce relatos sonoros en formato podcast que se irán presentando mensualmente ao longo de todo o ano 2023 en nove concellos que tamén acollerán faladoiros guiados por persoas expertas nestas figuras.
No acto de presentación desta proposta, a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, explicou que a idea é "pór en valor a contribución feminina ao desenvolvemento da humanidade".
Xunto a Carmela Silva participaron nesta presentación a coordinadora da iniciativa Marián Fernández e Guillermina Domínguez, Milagros Bará e Loli Docampo, que protagonizarán tres dos coloquios previstos.
Desde xaneiro a colección de podcasts tamén se colgará na web da Deputación e con ligazón a Spotify. Ademais, publicarase unha ruta virtual que mostrará os puntos máis importantes da biografía da protagonista do mes.
Carmela Silva destacou que este proxecto, que nace con vocación de continuidade, dá voz "a mulleres imprescindibles", "a historia esquecida, pero nunca enterrada".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.