A desimputación de Besteiro revoluciona o PSdeG, pode ser el o candidato á Xunta?

Comezan a escoitarse voces dentro dos socialistas galegos que apostan por esta posibilidade, especialmente, entre a dirección do partido en Galicia. Hai quen o compara con "Messi" a nivel político e outros que foi "mellor" presidente da Deputación de Lugo. A súa posible volta provoca incerteza no PPdeG e no BNG.

Por Xurxo Salgado | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 26/12/2022 | Actualizada ás 21:45

Comparte esta noticia

O "Messi" dos socialistas galegos, o "mellor" presidente da Deputación de Lugo ou unha "promesa con futuro" do PSdeG. Nos últimos días chóvenlle os aloumiños e felicitacións a José Ramón Besteiro a quen non poucas voces no Partido Socialista galego ven xa como o gran rival de Alfonso Rueda nas eleccións galegas previstas, inicialmente, en 2024.

José Ramón Besteiro, na apertura das Eleccións Xerais do 20D
José Ramón Besteiro, na apertura das Eleccións Xerais do 20D | Fonte: @psdg-psoe

Pero quen é ese político ao que moitos cargos do PSdeG acariñan públicamente nos últimos días?. O currículo político de Besteiro non é breve. Concelleiro en Lugo (1999–2015), deputado provincial (1999–2015), concelleiro de Urbanismo de Lugo (1999–2007), secretario local do PSOE en Lugo (2000–2012), presidente da Deputación Provincial de Lugo (2007–2015), secretario provincial do PSOE de Lugo (2012–2013) e, finalmente, secretario Xeral do PSdeG-PSOE (2013-2016).

Unha traxectoria que supón todo un aval para os que ven nel o futuro para un partido que, nos últimos meses, non acaba de atopar o seu rumbo. Entre eles, cargos políticos que nos últimos días saíron a gabalo públicamente logo do arquivo da 'Operación Pulpo', a última das seis imputacións que pesaban en quen no seu día era a esperanda do partido socialista para desaloxar a Feijóo de San Caetano.

Besteiro leva retirado da política activa desde marzo de 2016 cando foi imputado pola xuíza Pilar de Lara como presunto autor de 6 delitos; suborno, prevaricación, tráfico de influencias, fraude ás Administracións públicas, fraude de subvencións e delito continuado de malversación de fondos públicos. Case sete anos despois quedou absolto de todo cargo e a maxistrada que o imputou a el e a outros políticos foi "desterrada" a un xulgado de Ponferrada.

"Quen mellor que unha persoa cunha reputación intachable para enfrontarse ao PPdeG", di un alcalde do PSdeG

O exsecretario xeral do PSdeG José Ramón Gómez Besteiro
O exsecretario xeral do PSdeG José Ramón Gómez Besteiro | Fonte: Arquivo

O ANTÍDOTO

Precisamente, este aval de "incorruptibilidade" é de saír airoso de tantos procedementos xudiciais é o que presentan agora distintos cargos socialistas como un dos argumentos de peso para enfrontarse a Alfonso Rueda. "Quen mellor que unha persoa cunha reputación intachable para enfrontarse ao PPdeG", di un alcalde do PSdeG consultado por Galicia Confidencial que asegura que é o mellor antídoto para un partido que "navega cara a ningures" pola "falta de liderato" de Valentín González Formoso e as pedras no camiño que está poñendo Gonzalo Caballero.

"Eu apoiei a Formoso porque vía que Gonzalo Caballero estaba levando o partido á irrelevancia política, pero agora vexo que o novo secretario xeral camiña tamén cara a ningures", suliña. Por iso, ve en Besteiro "aire fresco" e unha "opción con futuro" para tentar desaloxar a Rueda da Xunta. 

APOIO DA CÚPULA SOCIALISTA

Os propios dirixentes do PSdeG, con Formoso á cabeza, gababa públicamente a Besteiro e deixaba claro que "é un activo político imprescindible no PSdeG". Máis contundente era o secretario de Organización socialista e número dous de Formoso, José Manuel Lage. "Cando tes a Messi no equipo tes que polo a xogar", dixo citando ao xogador arxentino e a outros para reivindicar a Besteiro como "un dos mellores activos" do PSdeG. "Debe volver saltar ao terreo de xogo e estar en primeira liña, marcando goles", dixo ao ser preguntado sobre a posible candidatura de Besteiro á presidencia da Xunta.

Xosé Ramón Gómez Besteiro naceu o 15 de novembro de 1967. Lévalle oito meses a Alfonso Rueda

Tamén a alcaldesa de Lugo e número dous do PSdeG-PSOE, Lara Méndez, e o actual presidente da Deputación, José Tomé, destacaban a figura política de Besteiro e a "inxustiza" que se fixo con el durante case sete anos.  E o deputado do PSOE no Congreso pola provincia de Lugo e antigo asesor do ex líder socialista, Javier Cerqueiro, auguroulle "todo o futuro do mundo" e deixa a porta aberta a que sexa candidato á Xunta de Galicia.

Xosé Ramón Gómez Besteiro naceu o 15 de novembro de 1967. Lévalle oito meses a Alfonso Rueda, que naceu en xullo de 1968. Polo tanto, a idade non sería un argumento na súa contra. De feito, o deputado Javier Cerqueiro lembra que o alcalde de Lugo, José López Orozco, chegou á alcaldía de Lugo cos mesmos anos que ten agora Besteiro.

AS OPCIÓNS

E como é que a dirección dun partido fala abertamente de Besteiro como posible candidato?. Non é un segredo a boa sintonía entre Besteiro e Formoso. Son amigos e falan con regularidade. O actual secretario xeral dos socialistas foi un dos principais apoios de Besteiro estes anos e mesmo o animou a emprender distintos negocios. De feito, parte do apoio colleitado por Formoso en Lugo durante o seu enfrontamento con Gonzalo Caballero para a Secretaría Xeral débese, en parte, a Besteiro e aos "besteiristas".

As fontes consultadas cren que a opción de Besteiro como candidato á Xunta sería a máis "realista" a día de hoxe. "Hai varios argumentos ao seu favor; primeiro, porque causa medo a Rueda e Candia; segundo, porque ten unha longa traxectoria e experiencia política e, terceiro, porque sería o único que podería rematar coa oposición interna de Gonzalo --Caballero--", asegura unha veterana dirixentes socialista, ex deputada e integrante da dirección de Pérez Touriño.

Rueda: "O PSdeG sempre é coñecido polas súas cuestións internas e movementos internos"

RUEDA E BNG

Sexa verdade ou non, o certo é que os seus rivais políticos semellan estar nerviosos tras a desimputación de Besteiro. O propio presidente galego lembrou, a preguntas dos medios tras o Consello da Xunta, que esta e outras macrocausas abertas no seu día (pola xuíza Pilar de Lara, á que non mencionou) non tiveron "consecuencias e custo persoal" para "moita xente" do ámbito político, senón un resultado "bo" para unha ampla maioría.

"A partir de aí, o PSdeG sempre é coñecido polas súas cuestións internas e movementos internos", reflexionou o líder do PPdeG, na mesma xornada na que González Formoso, reivindicou a Besteiro como unha "activo imprescindible" para a formación e de afirmar que "estará onde queira estar".

Tamén entre os nacionalista valoran o perfil de Besteiro e recoñecen que, de ser el o candidato á Xunta polo PSdeG, sería un "bo" perfil e un "rival difícil" para as expectativas que o BNG ten depositadas en Ana Belén Pontón. "Todo vai na dirección de que os socialistas atoparon xa un candidato con posibilidades que non é o que a nós nos gustaría", aseguran fontes consultadas. 

Será agora o propio Besteiro, que leva calado máis dunha semana, quen decida o seu futuro político e a dun partido que agarda o seu retorno activo á vida política.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 Borxa Mari

O Garañón vai ser derrubado: perto de 600.000 euros dos contribuintes para pagar este despropósito que era un gran negocio particular. No Garañón, edifício construído con permiso nocturno do PsoE no último día antes das eleccións, estaba prevista a residencia con vistas do líder Besteiro. Casualidades, todo moi casual! E o pior, que tremen PP e BNG, que Besteiro vai a por todas, Rueda non dá a talla e a Pontón non vai pasar de acompañante segundona na comparsa para satisfacer o apetito de vividora. E xa podemos ir tremendo todas as galegas, o cacicato do PsoE non é menos nocivo nin máis decente que o do Partido Podre. Que fez anos depois Besteiro sexa a alternativa é unha obscenidade!

1 Gamela

Seica aínda quedan os restos do Garañón no Parque de Lugo ? Certamente os que foran imputados por Pilar de Lara sairon "reforzados" (se se pode falar así, cando te mandan ao rincón de pensar por 10 anos!) O problema do PSdG vive en Vigo e na súa área de influencia. Chámase Abel e Carmela e Regades. Son un triunvitato que nada teñen que ver co Partido Socialista nin siquera teñen que ver con Gonzalito, simplemente adícanse aos Negocios de Inveravante (Avantespacia) Besteiro fará ben en seguir calado ata maio 2023 e logo falaremos do Goberno !