Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 27/12/2022 | Actualizada ás 19:22
O Goberno avanzou que nas "próximas semanas" arrincarán os traballos para desmontar e reconstruír os taboleiros do viaduto da A-6 no Castro (entre Pedrafita e Veiga de Valcarce) colapsado no mes de xuño.
Así figura nunha resposta emitida polo Ministerio de Transportes ao deputado do BNG no Congreso Néstor Rego, á que tivo acceso Europa Press.
Nela, o Executivo central apunta que a reconstrución dos taboleiros colapsados comezarán "en próximas semanas" co obxectivo de poder restituír "no menor prazo de tempo posible" o tráfico polo viaduto que serve de calzada en sentido Madrid.
Na súa resposta, o Goberno lembra as principais conclusións do informe encargado polo Ministerio de Transportes para determinar as causas do derrube e asegura que na construción do viaduto (concluído fai uns 20 anos) empregáronse "as tecnoloxías e materiais existentes na época".
As conclusións destes estudos sinalan á deterioración do formigón causado pola climatoloxía extrema da zona, que se viu acelerado por problemas no selado das laxas de continuidade entre vans e na degradación do sistema de impermeabilización.
Os problemas detectados nunha inspección realizada un ano antes do derrube determinaron o peche do viaduto para levar a cabo tarefas de rehabilitación que estaban na súa última fase no momento do colapso.
Ademais, parte dos traballos realizados sobre a infraestrutura, coa demolición de parte do formigón a través do uso de auga a presión, foi outra das causas que provocaron a caída primeiro dun van e, días máis tarde, o contiguo.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.