Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 02/01/2023 | Actualizada ás 17:52
A Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (Cogami) iniciou un proxecto que pretende mellorar as oportunidades laborais das persoas con discapacidade co obxectivo de implicar ás empresas como axentes de inserción laboral.
Trátase do programa Dicide-E (Desenvolvemento de Redes de Cooperación Transnacional para a Inclusión Laboral das Persoas con Discapacidade) que, ademais de desenvolverse en Galicia a través de Cogami, tamén leva a cabo en entidades doutras comunidades autónomas, en Francia e en Portugal.
A finalidade, destacou a entidade, é mellorar as oportunidades laborais das persoas con discapacidade a través de iniciativas de cooperación europea entre entidades que traballan pola inclusión laboral das persoas con discapacidade física, orgánica e sensorial.
Deste xeito, Cogami contactou con empresas de Lugo, Santiago, Ourense e Vigo para debater os seus puntos de vista sobre discapacidade. Segundo destacou nunha nota de prensa, nestes encontros, as empresas participantes mostraron a súa satisfacción coa iniciativa, xa que "lles permite xerar un espazo onde poder coñecerse e compartir experiencias".
Ademais, Cogami puxo en valor que estes foros serven tamén para "eliminar falsos mitos, medos, dúbidas e derrubar barreiras mentais, así como normalizar a discapacidade como unha característica máis da persoa".
Durante estes encontros tamén detectaron necesidades como a falta de formación orientada á inserción laboral, facer xornadas de sensibilización dirixidas ao empresariado para que tanto este como os seus persoais amplíen a visión sobre a discapacidade, desmitificar o absentismo laboral no sector da discapacidade e lograr facer empresas máis inclusivas.
O proxecto Dicide-E continuará cunha nova fase centrada no contacto con persoas con discapacidade, persoal técnico que traballe en servizos de orientación laboral especializados de persoas con discapacidade e tamén entidades do sector.
Así mesmo, ao tratarse dunha iniciativa de cooperación, levará a cabo unha análise de metodoloxías aplicadas e posta en común que será recollida nun documento de boas praxes que servirá de guía para as persoas profesionais do sector.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.