Que supón a rebaixa do IVE en alimentación... nótase a diferencia para manter unha dieta sá?

O Goberno central aprobou a baixada do IVE e a súa eliminación nalgúns alimentos considerados básicos. Esta medida é considerada insuficiente pois aparece logo dunha forte escalada de prezos en aceite, ovos, peixe, carne, froita e outras fontes alimentarias consideradas esenciais. Actualmente as familias reducen o consumo de determinados produtos frescos por outros considerados menos saudables aínda que baratos.

Por Moncho Mariño | Santiago | 09/01/2023 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

A guerra en Ucraína disparou o prezo do trigo e da semente de xirasol, as consecuencias: incremento no prezo do pan e outros produtos a base de fariña de trigo e o aumento de prezo no aceite de xirasol, por momentos semellante ao de oliva. En vista de que a situación inflacionaria estaba a influír en produtos asequibles como pasta, legumes, peixes e carnes normalmente baratas, o Goberno central decide frear a suba de determinados alimentos actuando sobre o IVE. Hai dúas preguntas que xorden a raíz destas medidas: serven para a freada real no prezo da alimentación e pode manterse unha dieta sá na situación actual?

Consumo, prezo, prezos, IPC, supermercado, alimentos, compras, comprar, froitas
Consumo, prezo, prezos, IPC, supermercado, alimentos, compras, comprar, froitas

UNHA BOA MEDIDA?

Rubén Sánchez, de FACUA, contesta redondamente “non” cando lle pregunta se a medida sobre o IVE terá consecuencias positivas na cesta da compra. “Non porque os produtos alimentarios estiveron subindo até uns niveis que chegaron ao 40% e a rebaixa de 4 ou 5 puntos non ten un grande impacto” sinala Sánchez.

“Se o obxectivo e ver se se pode sentir unha rebaixa importante na cesta da compra, cremos que non” di Miguel López de UCGAL. “Estamos falando de porcentaxes dun 4% respecto dos produtos xa suxeitos ao tipo superreducido, e logo están as rebaixas do 5 e o 10%, o que supón unha rebaixa de 4 ou 5 céntimos de euro a grosso modo”.

O que si permitirá, segundo Sánchez, é unha conxelación dos prezos se estas medidas se cumpren por parte dos establecementos. Isto debido a que os produtos marcados pola medida do Goberno non poden subir de prezo en catro meses. En tal caso, Facua no seu momento pedira a intervención nos prezos de todos os alimentos básicos volvendo aos prezos de hai un ano.

López pola súa banda, cre necesario analizar o comportamento da eliminación do IVE en hortalizas, froita, verdura, pan, leite, fariña panificable e ovos. Preguntado sobre a inclusión da pasta dentro dos alimentos que reducen o IVE, se se pode considerar un alimento básico, a resposta é que “tiñamos dúbidas mais é un alimento moi consumido”.

NUTRICIÓN E IVE

Os altos prezos da alimentación están levando á poboación ao consumo de máis ultraprocesados, alimentos hipercalóricos e que en moitas ocasións, teñen a “vantaxe” de seren precociñados, así só necesitan pasar polo microondas ou tixola.

“Non nos posicionamos en canto tipo de alimentación ou tipo de alimentos porque cremos que as medidas deben ser outras” declara Rubén Sánchez. “Insistimos na intervención dos prezos en aplicación da lei de comercio de 1996, todo porque o gasto das familias non vai baixar”.
Aínda así, Facua realizou unha enquisa que mostrou como o maior prezo dos alimentos provoca que máis do 25% das familias reducise a cantidade de verdura e produtos frescos de horta e case o 30% deixaron de mercar froita fresca. O 50% das familias deixaron de comer peixe e sobre a carne baixan polo, porco e vitela.

“O que botamos en falta é a inclusión de peixe para as familias que non poidan mercalo, se se engadise sería un plus e o mesmo sucedería sobre algunhas carnes” apunta Miguel López. As recomendacións nutricionais indican a necesidade de consumir peixe 3 ou 4 veces por semana e carne polo menos dúas veces. Por outra parte “o Real Decreto fala da creación dun observatorio para controlar que non suban os prezos” apunta López que engade “non se di como crealo nin o sistema para facelo posible”.

Rubén Sánchez conclúe que “non vai haber baixa no gasto das familias aínda que nola vendan como medida estrela xunto co cheque de 200€ para unha porcentaxe de familias”. Sánchez fala de medidas máis ambiciosas porque “rebaixar o IVE e sumar o cheque non recorta marxes de beneficio para os empresarios”. “É necesaria vontade para paliar o problema ademais de que con estas medidas adoptadas en Nadal pode haber unha falsa sensación de aforro” sinala Miguel López.

As rebaixas e eliminación do IVE en determinados alimentos non vai solucionar o problema dos prezos para a cesta da compra. Así, como medida temporal é posible que alivie un pouco os petos dos e das consumidoras, mais é necesario esperar uns meses até ver a efectividade da medida.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta