SOS Sanidade Pública convoca unha manifestación o 12 de febreiro pola "grave situación" da Atención Primaria

Fai un chamamento a toda a poboación galega para que participe nesta mobilización en Santiago de Compostela.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 10/01/2023 | Actualizada ás 14:32

Comparte esta noticia

A Plataforma SOS Sanidade Pública convoca unha manifestación o próximo 12 de febreiro en Santiago de Compostela ante "a grave situación que atravesa a Atención Primaria" e "o conxunto do sistema sanitario público galego". Así, trasladou que acordou de maneira consensuada por todas as organizacións sociais, profesionais, sindicais e políticas que a integran convocar unha "gran manifestación" o 12 de febreiro na Praza do Obradoiro da capital galega.

Concetración de SOS Sanidade Pública en Vigo
Concetración de SOS Sanidade Pública en Vigo | Fonte: JAVIER VÁZQUEZ - Europa Press.

Nun comunicado, a plataforma fixo un chamamento a toda a poboación galega para que participe nesta mobilización, que "será a culminación do proceso de recollida de firmas e mobilizacións que desde hai meses desenvolveron as plataformas e organizacións que integran SOS Sanidade Pública" para que o Parlamento de Galicia "debata e aprobe unha serie de medidas dirixidas a acabar cos problemas de Atención Primaria: falta de persoal, de orzamentos e de organización".

Este contexto, sinalou, "limita o acceso da poboación aos centros de saúde, aos servizos de Pediatría e aos Puntos de Atención Continuada", entre outras cuestións.

"Este desmantelamento da Atención Primaria repercute sobre a saúde da poboación, como mostra o aumento da mortalidade, o colapso das urxencias dos hospitais e o incremento exponencial das listas de espera nos mesmos", denunciou SOS Sanidade Pública.

Ademais, a Plataforma detallou que todos os integrantes acordaron que as mobilizacións que leven a cabo deben ter un carácter "unitario" e estar "desprovistas de calquera carácter partidista", xa que "o que une a toda a poboación galega é a necesidade dunha Atención Primaria pública, universal, equitativa e accesible".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta