Carmela Silva denuncia que hai recursos do Pacto contra a violencia de xénero que se adican a festas "que nada teñen que ver"

Reclamou a renovación do pacto, ao entender que o actual non está a cumprir cos seus obxectivos.

Por Europa Press / Redacción | PONTEVEDRA | 10/01/2023 | Actualizada ás 17:17

Comparte esta noticia

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva reclamou a renovación do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero, ao entender que o actual non está a cumprir cos seus obxectivos e que parte dos seus fondos están a dedicarse a campañas "que non teñen nada que ver" coa igualdade.

"Hai que facer un seguimento de a que se dedican os recursos do Pacto de Estado", indicou a presidenta provincial, que considera "indignante" que haxa diñeiro que acabe financiando "festas" ou actividades "que nada teñen que ver coa loita contra as violencias machistas", polo que esixiu fiscalizar o destino destes fondos e que sexan "finalistas" e con obxectivos "moi claros".

Carmela Silva recalcou que todas as accións incluídas neste Pacto de Estado deben estar encamiñadas a que as mulleres que sofren as violencias machistas "teñan os recursos necesarios para saír desa espiral de terror" e apoiar aos colectivos que as axudan a través dun acordo social e político "máis potente" e que conte "con todos os recursos".

Todas as administracións públicas, segundo sinalou a titular do goberno provincial, deben situar no "centro da súa acción política a loita contra as violencias machistas e a promoción da igualdade entre mulleres e homes", algo que, ao seu xuízo, "non está a ocorrer".

Igualmente reclamou aos medios de comunicación este compromiso na loita contra a violencia machista, situando no foco "ao asasino e ao maltratador", xa que considera "indignante" comprobar o pouco espazo que algúns lles dan a este tipo de casos.

Preguntada polos xornalistas no transcurso dunha comparecencia de prensa celebrada este martes, Carmela Silva confesou estar "moi preocupada e cada día máis indignada" ante a escalada de asasinatos machistas, con catro neste ano 2023 tras un "decembro negro" con outras once mulleres asasinadas a mans das súas parellas.

Por último, a presidenta da Deputación de Pontevedra tamén incidiu na necesidade de "pór nomes e apelidos e denunciar aos partidos dos negacionistas e darlles as costas".

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, en rolda de prensa
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, en rolda de prensa | Fonte: DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta