Rueda lamenta o "desnorte" do PSdeG ante as agresións a cargos: "ten máis problemas de desorientación dos evidentes"

Ao seu modo de ver, neste tipo de actos, "de política hai pouco, o que hai é o despropósito de xente que se cre que con violencia se vai a algunha parte"

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 11/01/2023 | Actualizada ás 14:52

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, lamentou que o portavoz parlamentario do PSdeG, Luís Álvarez, e outros "altos representantes" da formación vinculasen os ataques sufridos polos alcaldes da Illa de Arousa, o socialista Carlos Igrexas, que foi agredido; e de Vilanova de Arousa, o popular Gonzalo Durán, ao que tentaron incendiar o seu coche; coa "crispación social", da que responsabilizaron en parte ao PP.

En declaracións aos medios tras un acto en Santiago, Rueda manifestou que é preciso "condenar absolutamente" as agresións sufridas por calquera cargo --e incidiu en que os afectados son, ademais, "de todo signo político". Ao seu modo de ver, neste tipo de actos, "de política hai pouco, o que hai é o despropósito de xente que se cre que con violencia se vai a algunha parte".

"Todo o contrario", apostilou o tamén líder do PP galego, antes de advertir que o necesario ante este tipo de situacións é "estar todos a un tempo". Así, afirmou que lle sorprendeu "moitísimo" que cargos relevantes do PSdeG --como Álvarez, pero tamén a titular da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, por exemplo-- realizasen declaracións "dicindo que a culpa das agresións é dun partido".

"DESNORTE" E "DESORIENTACIÓN" DO PSDEG

Baixo o seu punto de vista, "son declaracións que non deberían facerse en ningún caso". "E que non contribúen ao que todos queremos: que é unanimidade en canto á condena e determinación clarísima de que non se produzan ese tipo de condutas", advertiu.

"Están tan fóra de lugar e mostran un desnorte tan grande e un empeño en querer sacar rédito político mesmo nestas circunstancias, que demostran que o PSdeG ten máis problemas de desorientación dos que parecen evidentes nas últimas semanas", aseverou.

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, comparece tras o Consello / Xoán Crespo / Europa Press
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, comparece tras o Consello / Xoán Crespo / Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta