Primeiro protocolo municipal para casos de Síndrome de Dióxenes elaborado polo Concello de Ferrol

O documento contempla varias fases de actuación. A primeira, a detección e coñecemento do caso particular, que pode chegar "por diferentes vías, como da contorna veciñal ou a familia".

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 11/01/2023 | Actualizada ás 19:26

Comparte esta noticia

O Concello de Ferrol elaborou o primeiro protocolo de actuación municipal para casos de Síndrome de Dióxenes, tal e como anunciou este mércores a concelleira de Benestar Social, Eva Martínez Montero.

Coa entrada en vigor deste documento, esta mesma semana, o concello dá "un paso máis no ámbito da intervención social e saúde mental", dixo a edil, que precisou que unha das primeiras actuacións a desenvolver será o establecemento dun rexistro dos casos detectados na cidade.

O documento contempla varias fases de actuación. A primeira, a detección e coñecemento do caso particular, que pode chegar "por diferentes vías, como da contorna veciñal ou a familia".

Seguidamente, comezará unha fase de estudo e aproximación ao caso concreto "establecendo unha relación co afectado baseada na empatía", dixo a edil, "con visitas ao domicilio" e "coñecendo a percepción da contorna veciñal" para dar lugar á terceira fase, a de diagnose e deseño dun proceso de intervención social

Por último, o protocolo establece unha cuarta fase de control e coordinación coa Policía Local, con diferentes dispositivos sanitarios, instancias xudiciais, goberno autonómico e con entidades de iniciativa social, apuntou a responsable municipal de Benestar Social.

A concelleira de Benestar Social do Concello de Ferrol, Eva Martínez. CONCELLO DE FERROL
A concelleira de Benestar Social do Concello de Ferrol, Eva Martínez. CONCELLO DE FERROL

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta