Lores dá un golpe na mesa e convoca aos alcaldes da área sanitaria de Pontevedra para crear unha "fronte común"

Enviou unha invitación a todos os concellos co fin de manter unha reunión sobre o "desmantelamento" do sistema público de saúde. Celebrarase o vindeiro mércores no Teatro Principal.

Por Europa Press / Redacción | PONTEVEDRA | 13/01/2023 | Actualizada ás 17:44

Comparte esta noticia

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, anunciou este venres que enviou unha invitación a todos os concellos que forman parte da área sanitaria co fin de manter unha reunión entre alcaldes e portavoces municipais e crear unha "fronte común" fronte ao "desmantelamento" do sistema público de saúde. Esta reunión celebrarase o vindeiro mércores no Teatro Principal.

Ademais de Pontevedra, forman parte da área sanitaria os municipios de Barro, Bueu, Caldas de Reis, Campo Lameiro, Cerdedo-Cotobade, Cuntis, Forcarei, O Grove, A Lama, Marín, Meaño, Meis, Moraña, Poio, Ponte Caldelas, Pontevedra, Portas, Sanxenxo, Soutomaior e Vilaboa.

Segundo explicou Miguel Anxo Fernández Lores nunha comparecencia, o obxectivo desta reunión parte da "constatada preocupación social" que se vive en todos estes concellos a raíz da "deterioración continuada, e sen percepción de parada, do sistema sanitario público".

"Eu teño unha preocupación como sanitario en excedencia, e non paro de sorprenderme desa deterioración paulatina que estamos a vivir", comentou o rexedor nacionalista. "Quero coñecer a opinión de todo o mundo, quero saber cal é a situación de cada concello veciño e chegar a manter unha posición razoable e común", afirmou.

Lores expresou o seu desexo de que a Sanidade Pública volva ser "un exemplo en todo o mundo" pero lamenta que a situación, tras a pandemia da covid-19, estea "peor que antes", especialmente en Atención Primaria.

UN SERVIZO FUNDAMENTAL

O alcalde de Pontevedra lembrou que a sanidade é un servizo público "fundamental" que precisa investimentos para que funcione adecuadamente e, engadiu, tamén hai que "defendela" das "falacias e mentiras" de quenes a levaron a unha situación "que vén de hai moitos anos".

Para frear esta deterioración, segundo Fernández Lores, hai que adoptar medidas "urxentes", entre elas, formar ao persoal sanitario "suficiente" para cubrir as necesidades futuras da sanidade galega ou reforzar a planificación.

Lores asegurou que, na situación actual, o persoal sanitario "apenas é capaz" de atender a todas as emerxencias que chegan e "non se está facendo nada en medicina preventivo".

"Non é normal todo o que está a pasar e, en todo caso, teremos que golpear na mesa para que as autoridades sanitarias, tanto estatais como autonómicas, decidan actuar e reverter a situación", indicou o alcalde de Pontevedra.

Pacientes acumulados nos corredores de urxencias do CHUS
Pacientes acumulados nos corredores de urxencias do CHUS | Fonte: Cedida

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta