A agonía da ría de Arousa: desaparición da riqueza mariña e verteduras sen control

A ría de Arousa está atravesando un momento preocupante en relación á produción marisqueira e capturas de peixe. Segundo algunhas das confrarías, a maioría das estacións depuradoras están obsoletas e xa non cumpren coa súa función. Existen emisarios que verten augas sen depurar e as lamas procedentes de terra adentro, sobre todo en época de incendios, cando son arrastradas polo Ulla, afogan a produción pesqueira a pé e en barco.

Por Moncho Mariño | Santiago | 15/01/2023 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

A maior ría de Galicia, a de Arousa, está considerada como a máis produtiva das rías galegas en canto produción pesqueira a pé, en barco e batea. Pola contra, algunhas confrarías de pescadores e mariñeiros alertan das verteduras procedentes dos desaugadoiros ligados a estacións depuradoras. Estas estacións, a excepción dalgunha, non conseguen depurar toda a auga que reciben, sobre todo no verán cando a poboación da zona se multiplica pola chegada de turistas. Mais obviando isto, a calidade das augas non é propicia para o marisqueo e a pesca tense reducido durante os últimos anos.

Ría da Arousa coa illa da Arousa e a illa do Areoso / https://guias.masmar.net
Ría da Arousa coa illa da Arousa e a illa do Areoso / https://guias.masmar.net


DESAUGUES

Os desaugues das depuradoras trasladarían a auga depurada cara zonas afastadas dentro da ría. A pesar disto bateeiros da área afectada como Víctor Dios sinalan que “a zona onde está a nosa batea debera ser zona A, e pola contra foi declarada zona B”. A zona A é a libre de contaminación, mais os desaugues están influíndo de maneira negativa nesta actividade.

Víctor Dios sinala que “ao pé da illa de Rúa, que pertence a Ribeira, hai desaugues que verten sen control”. Non obstante, a estación EDAR ribeirense é de recente construción e a súa capacidade permitiría a liberación de augas depuradas sen residuos. Aínda así, mariñeiros da zona din observar augas fecais saíndo ao interior da ría.

A Confraría de Rianxo fala de depuradoras obsoletas que mesmo recorren a desaugues antigos para botar augas que non son capaces de tratar. Aspectos como este fixo que algúns concellos interviñesen, ou que a Plataforma en Defensa da Ría de Arousa realizase tanto protestas como queixas ante as institucións para poñerlle unha solución ao estado da ría.

VERTEDURAS E LAMA

“Non é só o que sae polos desaugues, tamén está todo canto vén polo río Ulla abaixo” din desde a Confraría de Rianxo. O río Ulla baixa con augas que transportan os restos de lugares como Santiago “e mesmo de Lugo a través dos afluentes”. Non se pode descartar a acción de verteduras ilegais a regatos e outras canles que van parar ao río e á ría.

Outra ameaza son as lamas ou lodos depositados no fondo do encoro de Portodemouros. “Non hai un plan de evacuación de lodos e coas enchentes todos eses residuos biolóxicos chegan aos bancos marisqueiros afogando a produción”. A Confraría de Rianxo destaca ademais que esta acción impide a fixación do desove, aumentando así a mortandade do marisco.“En lugares como os Lombos do Ulla antes había 500 barcos traballando, hoxe en día son moi poucos os que van mariscar en barco” apuntan desde Rianxo.

A capacidade produtiva da ría diminúe e en paralelo poden desaparecer numerosos postos de traballo. “As perdas son incalculables, aínda que a produción o ano pasado foi boa, aínda que é algo puntual” sinalan da Confraría de Rianxo. “As perdas afectan á ameixa babosa e a xapónica e logo o berberecho xa case non existe” din desde A Pobra do Caramiñal. No caso do berberecho, as altas concentracións do parásito “marteilia” están detrás da súa case desaparición.

Alén diso, mariscadores e pescadores insisten en resaltar as verteduras descontroladas, a falta de investimento en infraestruturas depuradoras, ademais dos lodos chegados río abaixo, como os grandes culpables das perdas económicas ligadas á súa actividade.

Augas de Galicia é a entidade que debe velar pola calidade da auga, e realizar as medidas oportunas para evitar ou eliminar focos de contaminación. Galicia Confidencial púxose en contacto con esta entidade. No momento de redactarse esta reportaxe non se recibiu ningunha resposta por parte deste organismo público.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta