Pontón aposta polo turismo "sustentable" aproveitando a riqueza natural de Galicia e o novo perfil de turista

Pide á Xunta cesar cun bum eólico que está erradicando esa riqueza.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 17/01/2023 | Actualizada ás 17:17

Comparte esta noticia

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, puxo en valor a "importancia" de potenciar proxectos de turismos sustentables aproveitando a riqueza natural de Galicia no medio rural, tanto na costa como no interior, que "permitan aproveitar a tendencia turística xurdida con forza tras a pandemia", que demanda destinos con contorna natural, libres de contaminación e de masificacións.

Así o expresou en vésperas da inauguración de Fitur, nunha visita ás Mouradas do Ulla, no concello de Teo que realizou este martes para coñecer de primeira man esta iniciativa turística singular, con "capacidade para xerar dinamismo económico e social nunha contorna rural".

"Nunha semana na que arrinca Fitur, é importante destacar que Galicia ten un patrimonio natural extraordinario, unha riqueza paisaxística enorme que debe de ser aproveitada para crecer no sector turístico porque é unha grande oportunidade económica e social", explicou Pontón.

Así, puxo o acento en que, agora, tras a pandemia, "hai un cambio na demanda turística cara a destinos sen masificación, unha demanda que quere natureza, que quere contacto co aire libre e co medio natural".

A líder nacionalista manifestou que se trata dun perfil de turista que "escapa" das aglomeracións, dos atascos, da contaminación e que busca experiencias saudables e sustentables para o seu tempo de descanso e de lecer. E, neste novo modelo de demanda turística que aposta pola natureza, "Galicia ten moito que gañar con proxectos turísticos como este de turismo sustentable, respectuoso co medio, integrado na contorna paisaxística".

"IRRADIAN DINAMISMO"

Pontón destacou que, ademais, este tipo de proxectos "xeran unha sinerxía moi positiva na contorna, porque atraen a visitantes que durante a súa estancia consomen na hostalaría local, no comercio local, que enchen o depósito do coche na gasolineira dos concellos limítrofes, compran no supermercado máis próximo ou almorzan na cafetaría do pobo". "Irradian dinamismo económico e social", sintetizou.

Pontón sinalou que Galicia ten un patrimonio natural que "permite este tipo de turismo, pero que, lonxe de contar co apoio do Goberno da Xunta, parece que o PP traballa na dirección contraria cando toma decisións que ameazan coa nosa riqueza paisaxística".

Neste sentido, referiuse a que a Xunta é "cómplice do bum eólico depredador, pondo en risco un rico patrimonio natural" e, por tanto, "pondo en risco un tipo de turismo que está en auxe e que é unha oportunidade para darlle futuro ao medio rural".

En contraposición, situou ao BNG, que "aposta por un turismo sustentable, respectuoso co medio ambiente e que sirva de motor económico e social do medio rural", o que implica "un rural vivo e con servizos".

Ana Pontón, portavoz nacional do BNG, na visita ás Mouradas do Ulla
Ana Pontón, portavoz nacional do BNG, na visita ás Mouradas do Ulla | Fonte: BNG

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta