Ecoloxistas en Acción critica a certificación da Costa da Morte como destino “Starlight” sen valorar o impacto dos eólicos

A organización ecoloxista sinala que as actuais condicións do ceo nocturno en moitos puntos dos concellos implicados, dista moito de ser a ideal, xerando ademais un problema de moi difícil solución.

Por Galicia Confidencial | Santiago | 19/01/2023 | Actualizada ás 17:35

Comparte esta noticia

A organización ambientalista rexeita o evento organizado pola Xunta de Galicia na Feira Internacional de Turismo (FITUR) en relación coa creación dun destino "Starlight" na Costa da Morte. Ecoloxistas en Acción critica que desde a Fundación Starlight non se tiveron en conta as reiteradas alertas sociais efectuadas durante a tramitación do proxecto neste sentido, lembrando que centenares de aeroxeradores instalados ou en proxecto van camiño de converter a esta zona do noroeste galego nunha verdadeira "árbore de Nadal", algo que prexudica non só a observación e goce do ceo estrelado, senón á poboación circundante e á biodiversidade.

Parque eólico. NATURGY - Arquivo
Parque eólico. NATURGY - Arquivo

O pasado ano, Ecoloxistas en Acción sinalaba que, aínda que a denominación de "Destino turístico Starlight" ten facetas positivas, as actuais condicións do ceo nocturno en moitos puntos dos concellos implicados dista moito de ser a ideal xerando ademais un problema de moi difícil solución. Isto é debido, segundo a organizaci´n ecambio de normativa fomentada polo PP na Xunta e "deseñada a medida das grandes corporacións enerxéticas" concede un carácter supramunicipal aos proxectos eólicos de nova creación "pasando por alto e sen ningún tipo de miramiento tanto de intereses veciñais como ambientais".

Por outra banda, Ecoloxistas en acción destaca que os parques eólicos deberanse sinalizar e iluminar conforme ás directrices da "Guía de sinalización e iluminación de turbinas e parques eólicos", elaboradas pola Axencia Española de Seguridade Aérea (AESA). Segundo este documento, serán susceptibles de incorporar iluminación nocturna aqueles proxectos cuxos elementos teñan unha altura superior aos 100 metros en todo o territorio nacional situados sobre planicies ou partes prominentes do terreo ou nivel do mar dentro de augas xurisdicionais.

Tendo estes factores en conta e os numerosos proxectos eólicos que atenazan o territorio da Costa da Morte, que, segundo Ecoloxistas en Acción, "en todos os casos incorporan alturas en punta de pa superiores aos 150 metros e en moitos outros alcanzan ou superan os 200", isto supón en función da normativa vixente a incorporación obrigatoria de iluminación aos aeroxeradores. A incorporación destes aeroxeradores afecta á liña base do horizonte nocturno causando un efecto distractivo "e de molestia no observador que dificulta a realización doutras disciplinas como a astrofotografía, que necesita ceos nas mellores condicións de escuridade posibles".

Para Ecologistas en Acción resulta imperdoable que a Fundación Starlight non valorase o prexuízo evidente da contaminación lumínica en liña de horizonte. Tamén que esquecese que as condicións anteriormente mencionadas obrigan a que a iluminación nos aeroxeradores se instale en todos os casos na parte superior da góndola, incorporando ademais outros elementos luminosos na torre a distintos niveis.

É por todos estes motivos que a entrega do sinal 'Starlight' á Costa da Morte nestas condicións "só se pode cualificar de irracional, máis centrado no interese persoal e comercial dalgúns". Neste sentido, Ecoloxistas en Acción demanda un ceo nocturno libre de contaminación lumínica que permita a observación directa da bóveda celeste nas mellores condicións posibles e que sexa compatible coa "Declaración sobre a Defensa do Ceo Nocturno e o Dereito á Luz das Estrelas" ("Declaración de la Palma"), algo que a día de hoxe non sucede.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta