Reganosa aproveita a guerra de Ucraína e operará unha nova terminal de regasificación en Alemaña

É elixida por RWE, a segunda enerxética xermana, para a xestión desta regasificadora flotante na desembocadura do río Elba.

Por E.P. | Ferrol | 20/01/2023 | Actualizada ás 11:59

Comparte esta noticia

A guerra de Ucraína e as sancións a Rusia, entre elas, o tope a compra de gas e petróleo, están provocando movementos enerxéticos importantes en boa parte de Europa, especialmente, en Alemaña, un dos motores económicos da UE. De feito, Reganosa foi elixida por RWE, a segunda maior enerxética de Alemaña, para operar e manter unha nova terminal de regasificación en Brünsbuttel, na desembocadura do río Elba.

Segundo informa a multinacional galega nun comunicado, Reganosa "será peza crave no plan do Goberno xermano para incrementar a autonomía enerxética do país" como alternativa ao consumo de gas ruso.

RWE está a habilitar en Brünsbuttel unha regasificadora flotante (FSRU) que permitirá a Alemaña diversificar por mar o seu actual abastecemento enerxético. Da naviera Höegh, esta unidade chegou este venres a destino e dispón de capacidades para almacenar a bordo ata 170.000 metros cúbicos de GNL (gas natural licuado), así como para emitir á rede anualmente 5 bcm (miles de millóns de metros cúbicos) de gas natural.

Así, espérase que entre en funcionamento nas próximas semanas. A súa posta en marcha requiriu obras de adaptación nun peirao xa existente e a construción dun ramal de tres quilómetros de conexión coa rede de alta presión de gasodutos de Alemaña.

Terminal de gas natural licuado (GNL) de Reganosa en Mugardos (A Coruña)
Terminal de gas natural licuado (GNL) de Reganosa en Mugardos (A Coruña) | Fonte: Cedida - EP

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta