Arco Iris denuncia unha "trama política" de PP, PSOE e BNG para aprobar plan eólicos

Un total de 44 entidades apoian un manifesto estatal contra a "invasión eólica".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 23/01/2023 | Actualizada ás 11:12

Comparte esta noticia

Un total de 44 entidades sociais e veciñais de Galicia apoian un manifesto estatal contra "a invasión eólica indiscriminada" no país, de forma que rexeitan os artigos 23 e 24 do decreto RDL 20/2022 que se convalidará este martes, 24 de xaneiro, no Congreso.

Nun comunicado, a asociación ecoloxista Arco Iris alerta de que o "atropelo legal que suporá a entrada en vigor do decreto non ten parangón na historia parlamentaria de España e causará un caos no medio ambiente de difícil solución no futuro, ao permitir que os polígonos eólicos de máis de 50 megawatts (cuxa autorización depende exclusivamente do Miteco) non teñan que superar trámite ambiental algún".

O manifesto, que conta co apoio de 369 entidades de todo o Estado, sinala que "non só vulnera o Convenio de Aarhus de participación cidadá e priva mesmo ás principais entidades ecoloxistas da posibilidade de coñecer os expedientes e formular alegacións, senón que deixa en man dos promotores (fondos de investimento) a destrución de hábitats naturais e zonas de cultivo, con consecuencias irreparables".

"A aprobación do Regulamento europeo 2022/2577 o pasado 22 Decembro 2022, precisamente establece a necesidade previa dunha zonificación e dunha avaliación ambiental estratéxica. Condicións cruciais que foron obviadas neste RDL 20/2022", agrega o texto.

Por outra banda, denuncia "o empeño da Xunta de Galicia de aprobar custe o que custe todos os parques de Galicia antes do próximo mércores coa escusa de enganchalos á REE para abastecer a grandes industrias como Alcoa, Showa ou Sentury".

"A Consellería do señor Conde non ten en conta que a produción de enerxía renovable en Galicia é de case o 80%, cando a previsión da UE é do 32% para o ano 2030. Non pode existir outra explicación para semellante despropósito máis que a voracidade especulativa dos promotores de parques eólicos, auspiciada por unha trama política da que forman parte todos os partidos políticos do Parlamento de Galicia sen excepción, que apoian de forma activa ou pasiva un ataque frontal ao noso medio natural a cambio de escuros intereses dinerarios", sostén Arco Iris.

Muíño de vento afectado por un incendio, a 18 de agosto de 2022
Muíño de vento afectado por un incendio, a 18 de agosto de 2022 | Fonte: Europa Press - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta