A Greenpeace parécelle "ridícula" a porcentaxe de territorio protexido na Lei do Litoral da Xunta

Tamén censura os artigos que contemplan unha rede de establecementos turísticos no litoral

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 24/01/2023 | Actualizada ás 18:57

Comparte esta noticia

Greenpece presentou alegacións contra o anteproxecto da Lei galega do Litoral elaborada pola Xunta ao entender que "desprotexe" os ecosistemas "sensibles" da costa nunha comunidade que está entre as que "menor porcentaxe de espazos protexidos" ten do Estado con "menos do 12% da superficie".

Así o explicou este martes o colectivo ecoloxista nun comunicado no que lembra que o grao de protección do litoral galego foi "criticado" pola Unión Europea ao non incluírse "algúns hábitats representativos" entre os espazos recoñecidos como Rede Natura 2000..

"Unha lei de ordenación do litoral debe priorizar o futuro, que pasa pola conservación dos ecosistemas e da biodiversidade. Antes de establecer unha zonificación fai falta corrixir as enormes deficiencias de Galicia no referente aos seus espazos protexidos porque, pola contra, estamos a ordenar un territorio excesivamente desprotexido. É unha gran oportunidade para corrixir estes defectos na conservación ambiental no país", afirmou o membro de Greenpeace Galicia Manoel Santos.

Así pois, cre que a lei elaborada pola Xunta parte dunha porcentaxe do territorio protexido "ridículo" en comparación co resto do Estado, polo que consideran que debería empezar por revisarse os espazos da costa ante "os seus extraordinarios valores ambientais".

Deste xeito, Greenpeace opina que tería que alcanzarse o 30% de superficie protexida tanto terrestre como mariña para 2030, á vez que demanda que se establezan os instrumentos de xestión en consonancia co requirido polas directivas europeas antes de elaborar un novo marco normativo para o litoral de Galicia.

Tamén pon o acento en que o texto da lei afronta "con pouca consistencia e concreción" a mitigación do cambio climático e "tampouco se establece nunha priorización de obxectivos nos que primeiro a conservación sobre os intereses económicos".

Así mesmo, Greenpeace censura os artigos que contemplan unha rede de establecementos turísticos no litoral e a creación de novas sendas litorais. "É dificilmente entendible que unha norma que debe protexer o litoral leve un artigo cuxo obxectivo é crear hoteis no mesmo por lei. Parece máis unha privatización encuberta", engadiu Santos, que bota en falta "un pouco de enfoque ecosistémico" na redacción da lei.

Litoral de Galicia
Litoral de Galicia | Fonte: XUNTA DE GALICIA

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta