Case 10.000 incendios tiveron lugar en zonas protexidas entre 1999 e 2014

A maior parte dos lumes rexistrados nesta época ocasionáronse en montes abandonados ou de propiedade particular

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 25/01/2023 | Actualizada ás 16:44

Comparte esta noticia

A Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus Terra da USC analiza a relación entre a conflitividade social e os incendios forestais intencionados rexistrados en Galicia entre 1999 e 2014, un período no que se contabilizaron 96.648 lumes provocados, segundo se recolle na tese ‘Proposta dun índice de risco de incendios integrando a conflitividade como variable explicativa. Aplicación a Galicia’, elaborada por Gervasio López Rodríguez-Casal baixo a dirección do catedrático do Departamento de Produción Vexetal e Proxectos de Enxeñaría da USC Manuel Marey.

Un bombeiro traballa nun incendio na comarca de Salnés e o concello de Villagarcía de Arous
Un bombeiro traballa nun incendio na comarca de Salnés e o concello de Villagarcía de Arous | Fonte: Gustavo da Paz - Europa Press

A investigación de doutoramento presentada por Gervasio López pon o foco na desigual incidencia das lapas no territorio en función da súa propiedade e do tipo de xestión. Gervasio López distingue así dúas unidades espaciais. A primeira é a formada polos 3.326 montes veciñais en man común (MVMC), que ocupan un total de 663.500 hectáreas das que son propietarios algo máis de 118.500 comuneiros, e nas que se rexistraron durante o período de referencia 26.476 incendios intencionados. A segunda unidade territorial contemplada nesta investigación corresponde coas 59 áreas de interese comunitario (ZEC) pertencentes á Rede Natura 2000 e que se estenden sobre algo máis de 374.400 hectáreas (o 43% das ZEC son MVMC), nas que se contabilizaron 9.675 lumes provocados.

Outras das achegas desta tese responden á posibilidade de determinar, de forma obxectiva e a escala de monte, a evolución experimentada pola actividade incendiaria nos terreos de propiedade privada colectiva, tal e como son os montes veciñais, en función do seu nivel de xestión e aproveitamento forestal. De feito, a investigación conclúe que aquelas áreas que teñen máis valor son as que menos arden.

As análises estatísticas compiladas nesta tese de doutoramento indican, sen embargo e en termos xerais, que as áreas ZEC da Rede Natura 2000 non tiveron impacto na redución de incendios nestes territorios, xa que os datos indican que estas áreas de interese comunitario son as máis vulnerables polo lume.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta