Galicia "avanza" na loita contra o cambio climático con 41 entidades xa adheridas á Alianza polo Clima

Ángeles Vázquez sinalou que o apoio de Congalsa suporá un "avance moi importante" para pór á Comunidade "na vangarda fronte ao quecemento global"

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 01/02/2023 | Actualizada ás 16:15

Comparte esta noticia

Xa son 41 as entidades adheridas á Alianza polo Clima, polo que Galicia "avanza na loita contra o cambio climático", sendo a comunidade ademais "membro activo" da Misión de Adaptación da Unión Europea.

Así o apuntaba a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, durante a firma do convenio de adhesión de Congalsa á iniciativa impulsada pola Xunta. A este respecto, Ángeles Vázquez sinalou que o apoio de Congalsa suporá un "avance moi importante" para pór á Comunidade "na vangarda fronte ao quecemento global e as súas consecuencias".

A Alianza, lembrou a conselleira, supón "asumir as liñas estratéxicas marcadas polo Goberno galego nesta materia e unha serie de deberes como establecer accións dirixidas á adaptación ou mitigación do cambio climático en Galicia; fomentar o intercambiode información científica, tecnolóxica, socioeconómica ou xurídica sobre este tema; promover e apoiar a investigación vinculada ao clima, e acelerar o desenvolvemento e a difusión de tecnoloxía para a transición cara a sistemas de enerxía de baixas emisións".

Ángeles Vázquez puxo como exemplo os cambios que fan as industrias, "que modifican os seus sistemas de produción para facelos máis eficientes e sustentables", ou as universidades, "que investigan e deseñan sistemas para favorecer que esa produción sexa respectuosa co medio ambiente".

"Fano as empresas que optan por produtos máis sustentables e ecolóxicos, como é o caso de Congalsa", apuntou a responsable de Medio Ambiente, que destacou ademais que se trata dunha das compañías de alimentación líderes do mercado con presenza comercial en países de catro continentes e que pechou 2021 cunha facturación de 113 millóns de euros, mobilizando un total de 26 millóns de quilos de produtos das súas diferentes gamas.

Ademais, "é consciente da necesidade de rexenerar o estado natural do territorio e o medio mariño, así como do impacto que as cuestións vinculadas ao cambio climático poden ter na organización a curto, medio e longo prazo".

Lembran nun comunicado que contan cun equipo propio para traballar no seguimento e avaliación dos obxectivos ambientais da empresa e fomentan a transición cara a un modelo de economía circular a través da reciclaxe e dunha adecuada xestión enerxética e da auga.

MISIÓN DE ADAPTACIÓN Ao CAMBIO CLIMÁTICO DA UE

A conselleira tamén puxo en valor o traballo que desenvolve Galicia no marco da Misión de Adaptación ao Cambio Climático da Unión Europea, "cuxo obxectivo é apoiar ás comunidades para acelerar a súa transformación cara á resiliencia climática, prestándolles axuda para comprender, prepararse e xestionar mellor os riscos introducidos por este fenómeno".

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, durante a súa comparecencia no Parlamento galego. XUNTA
A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, durante a súa comparecencia no Parlamento galego. XUNTA

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta