O parque acuático de Feijóo e Baltar; un ano de atraso e un millón de euros máis caro

As obras de construción da primeira fase do parque acuático no Complexo Lúdico Deportivo de Monterrei, no concello do Pereiro de Aguiar, acaban de licitarse novamente tras a renuncia da empresa adxudicataria cun importante incremento do orzamento orixinal.

Por Galicia Confidencial | Ourense | 01/02/2023 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

"O mellor parque acuático de Galicia". Era a comezos de 2021 cando o presidente da Xunta e o presidente da Deputación de Ourense, José Manuel Baltar, presumían dun megaproxecto para a provincia de Ourense, un parque acuático que ía competir co único existente en Galicia, no Concello de Cerceda, xestionado por un goberno socialista. Un investimento de 4,7 millóns de euros para converter a Ourense nun referente do turismo acuático do interior.

Xogo de chorros no futuro parque acuático de Monterrei, no Pereiro de Aguiar
Xogo de chorros no futuro parque acuático de Monterrei, no Pereiro de Aguiar

Dous anos despois a obra do parque acuático de Monterrei, proxectado para o municipio ourensán de Pereiro de Aguiar, aínda non se comezou. Os tobogáns de todos os tipos, unha zona de xogos infantís, espazos para o relax e até unha piscina de ondas terán que agardar, cando menos, seis meses para ter rematada a primeira fase do parque. A previsión é poder abrir algunhas partes este verán.

O novo proxecto acaba de ser novamente adxudicado á UTE Parque Acuático Monterrei: Ogmios-Prace por case 5,7 millóns de euros, un millón máis do previsto inicialmente e só paa a primeira fase da obra. Unha decisión que chega logo de que Proyecon Galicia, a primeira empresa á que se lle adxudicara o concurso, tomase a decisión de renunciar ao traballo debido ao incremento dos custos e á crise de subministracións. O gran Complexo Lúdico Deportivo de Monterrei, no que se inclúe este parque acuático, arrincaba orixinalmente cun orzamento próximo aos 10 millóns de euros, que cofinanciarán ao 50% a propia Xunta e a Deputación de Ourense.

RENUNCIA DA EMPRESA

A principios do pasado ano 2021 e tras a inauguración do Complexo Deportivo de Monterrei, arrincou a primeira fase das obras deste parque acuático, adxudicado a Proyecon Galicia por 4.701.920 euros e cun prazo de execución de oito meses. Foi o pasado 14 de marzo de 2022 cando a empresa tomou a decisión de deter as obras e solicitou unha revisión á alza das cifras do contrato para compensar os sobrecustos derivados da crise de subministracións. A Xunta puxo sobre a mesa unha proposta que, aínda que aumentaba a cifra inicial, non alcanzaba a pretendida pola empresa. Proyecon Galicia rexeitou esta nova proposta e solicitou a resolución do mesmo.

Así quedarán os tobogáns do parque acuático de Monterrei, no Pereiro de Aguiar, realizado pola Xunta e a Deputación de Ourense
Así quedarán os tobogáns do parque acuático de Monterrei, no Pereiro de Aguiar, realizado pola Xunta e a Deputación de Ourense

A Xunta viuse na obriga de volver ter que sacar a concurso unha obra que quería ter lista xa no 2022 e que xa anunciara a veciños e medios de comunicación. "A Xunta de Galicia quere manifestar as súas desculpas aos veciños de Monterrei e da provincia de Ourense pola demora ocasionada, que non permitirá abrir as piscinas este verán; pero xa se atopa traballando sen pausa para alcanzar unha rápida solución canto antes", explicaba o verán pasado o Goberno galego.

TOBOGÁNS DE 70 METROS

Agora, e tras o atraso dun ano, agardase que a primeira fase estea rematada este verán. Trátase construír tobogáns para usuarios máis maiores. A Xunta busca ter un parque acuático "completo" que se poida ir ampliando en diferentes etapas. Na primeira fase exponse reaprovechar as piscinas existentes no complexo engadindo novos elementos. Serán tres tobogáns, un aberto e dous pechados, ademais dun tobogán "tornado". 

Tres dos novos tobogáns irán provistos con hidrofrenada sen a necesidade de caer en piscina mentres que o terceiro si o fará ao ser un "gran embude" con caída en vaso. Os catro tobogáns posúen unha torre de saída común a unha altura de 9 metros. O máis longo terá unha lonxitude de 70 metros.

PISCINA DE ONDAS

O parque contará ademais cunha zona de xogos para os máis pequenos cunha zona semihúmeda con distintos xogos como canóns de auga, cortinas, chorros, etc., e un castelo de auga, con torres e plataformas unidas mediante pontes e pasarelas que combinan xogos de auga ademais dun cubo que se enche periodicamente e volva o seu contido sobre os nenos. O castelo será un gran xogo que se situará nun vaso duns 30 centímetros de profundidade no que poderán gozar os máis pequenos sen necesidade de saber nadar.

 

Noutra fase está prevista unha piscina de ondas, que reutilizará unha xa existente renovándoa por completo para permitir xerar ondas de até un metro. Por último, prevese unha "piscinas de relax" para uso en familia.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta